Noite de San Xoán
A cifra de lixo foi a máis baixa desde que hai datos, un 50 % menos que en 2018
24 de xuño de 2023
A noite de San Xoán 2023 reuniu nas rúas e praias da Coruña a máis de 150.000 persoas. A festa máis multitudinaria do calendario da cidade transcorreu con normalidade grazas a un dispositivo formado por máis de 600 persoas que velou pola seguridade dos asistentes durante toda a noite.
Durante todo o día do venres houbo actividades pola cidade, en cada barrio. Pola tarde houbo sardiñadas nas rúas, con moita animación e xente gozando da tarde solleira. Ás sete da tarde, mentres toda a xente gozaba das sardiñadas e churrascadas na cidade, comezou a repartición de madeira na praia para facer as fogueiras. As persoas participantes foron aos poucos dando forma á madeira. O momento máis agardado: a medianoite, con fogos artificiais, a queima de falla e a música na explanada de Riazor.
A falla deste ano estivo dedicada a Pablo Picasso, Lucas Pérez e Arsenio Iglesias. A alcaldesa, Inés Rey, acompañou a familia de Arsenio e a directiva da Federación de Peñas do Deportivo no acto de queima da falla, á medianoite. Agradeceu aos axentes de seguridade o magnífico traballo.
O dispositivo especial de San Xoán coordinado polo Concello estivo composto por 656 efectivos e contou coa presenza de 140 axentes da Policía Local, que estiveron reforzados coa presenza de 40 efectivos da Policía Nacional. A alcaldesa, Inés Rey, visitou no día de onte a todos os corpos de seguridade da cidade para agradecer o seu compromiso e traballo nunha noite de máxima actividade. Ademais, este ano o dispositivo contou coa presenza de dous drones con visión térmica. Estas naves non tripuladas levaron a cabo un percorrido constante desde o ceo nas praias de Riazor e Orzán, sen detectar ningunha incidencia destacable. As persoas que permanecían nas praias foron convidadas a despexalas ás 06.00 horas, tamén sen incidencias, para poñer en marcha o dispositivo de limpeza. Durante a tarde e a noite estiveron operativos catro puntos violeta ao longo do paseo marítimo para informar e atender posibles casos de acoso ou violencia contra as mulleres. En total, rexistráronse 1.743 consultas durante a xornada, 693 no punto fixo da Coiraza, sen ter que formularse ningunha denuncia. O servizos de recollida do lixo especial comezou a traballar inmediatamente despois do desaloxo das praias, comezando polo areal de Riazor, que quedou liberado de restos ás 10.00 horas. Posteriormente traballouse no Orzán. Levouse tamén a cabo unha cobertura de limpeza especial noutros puntos da cidade e nas rúas próximas ao paseo marítimo, de máxima afluencia durante toda a noite. Segundo os datos do servizo, este ano recolleuse un 33 % menos de residuos que no 2022, o que evidencia unha maior concienciación cidadá polo mantemento das praias e dos espazos públicos nesta celebración.
A noite de San Xoán pechou unha semana marcada pola ampla programación cultural temática que se desenvolveu nos diferentes barrios da cidade. Desde o venres 16 leváronse a cabo actuacións culturais de diferente tipo baixo a marca 'Ruada das Xoubas'. Ademais, tivo lugar tamén o sábado 17 a tradicional sardiñada de Santa Margarida e na noite de San Xoán estaban programados os concertos de Celtas Curtos e The Txandals na explanada do Palacio dos Deportes.