A operadora ofrece descontos especiais a quen acuda en trens de Servizos Comerciais a actividades ou eventos organizados polo Consorcio
28 de febreiro de 2025
A alcaldesa da Coruña, Iñés Rei, asinou o pasado mes de xaneiro un acordo de colaboración entre o Consorcio de Turismo e Congresos da cidade e Renfe para promover, de forma conxunta, o turismo na Coruña da man do ferrocarril.
Así, Renfe ofrecerá a todos os asistentes e expositores dos eventos organizados polo Consorcio un 10% de desconto sobre o prezo de venda no momento da compra en billetes de ida, ou ida e regreso, nos trens de AVE e Longa Distancia. Esta oferta é válida para aqueles congresos ou eventos que reúnan a máis de 75 persoas que utilicen o tren nos seus desprazamentos. Tamén se poderán beneficiar de descontos non inferiores a un 10% as persoas que contraten as súas escapadas temáticas dentro do turismo MICE (Meetings, Incentivos, Convencións e Eventos).
Esta alianza entre o Consorcio e a operadora facilitará a realización de viaxes en grupo en tren, ademais da posibilidade de promover paquetes vacacionais que inclúan os trens de Longa Distancia de Renfe e outros servizos de aloxamento, lecer e cultura.
Renfe, Tren Oficial
Desde o Consorcio promocionaranse os servizos de Renfe baixo a denominación 'Tren Oficial' en feiras, congresos ou festivais organizados pola institución ou polos seus entes dependentes. Así, ambas as entidades traballarán para a promoción conxunta das viaxes de turismo e negocios vinculados aos desprazamentos en tren como medio de transporte máis sustentable para visitar A Coruña.
O Turismo MICE reuniu na Coruña a máis de 145.000 persoas
O Turismo MICE congregou o pasado ano na cidade a 145.330 persoas que asistiron a congresos, feiras, convencións e reunións profesionais. Unha cifra que se dá grazas ás condicións da Coruña para acoller grandes eventos debido ás súas infraestruturas, conexións e gran oferta cultural e gastronómica.