A sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae
Cada tanque e peixeira da sala contará cun equipamento informativo específico que axudará a identificar as especies máis polo miúdo, mellorando a experiencia de usuario no acuario, por onde pasan 240.000 visitantes cada ano
13 de maio de 2025
Nos vindeiros meses, o Concello acometerá melloras nas instalacións do Aquarium Finisterrae, onde se habilitará un sistema dixital, con máis de 30 novos paneis interactivos, que contribuirá a reforzarlle a información ao público visitante.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a importancia desta medida, "unha aposta tecnolóxica que permitirá dar un pulo á divulgación científica sobre o acuario e a súa diversidade biolóxica, complementando as actividades que aquí se levan a cabo".
Está previsto que a meirande parte dos paneis se instalen na sala Maremagnum, a carón dos tanques e das peceiras. O director técnico do Aquarium Finisterrae, Francisco Armesto, precisou que, "o sistema dixital axudará ás e aos visitantes a coñecer máis polo miúdo as especies de cada tanque e peixeira, identificándoas e proporcionando información divulgativa sobre todas elas, ampliando así o volume de información dispoñible para mellorar a experiencia de usuario, con contidos máis dinámicos".
Esta iniciativa chega ao abeiro do novo Plan de sostibilidade turística da Coruña, que conta con apoio estatal e autonómico e que, neste caso, suporá un investimento de máis de 123.000 euros que servirán para financiar a subministración dos equipamentos, tamén o seu mantemento.
A piques de cumprir 26 anos -fixo o seu cuarto de século o 5 de xuño do ano pasado-, o Aquarium Finisterrae recibe máis de 240.000 persoas visitantes por exercicio. Gonzalo Castro expuxo que "o obxectivo do Goberno de Inés Rey é que, a curto e medio prazo, sigamos a profundar na modernización e actualización do acuario e as súas infraestruturas", un plan de continuidade que, recentemente, supuxo a ampliación e mellora do seu sanatorio de focas, entre outras actuacións.