Concello da Coruña

Concello da Coruña
Iniciar sesión
Inauguración exposición hoxe.

Inauguración da exposición hoxe

O Concello da Coruña promove un amplo abano de actividades abertas ao público pola Tall Ships Races

Entre o xoves 24 e o sábado 26 haberá concertos, xogos infantís, sesións gastronómicas e actuacións musicais e ata o domingo 27 o paseo do Parrote acollerá a realización do festival de food-trucks 'Coruñam', que inclúe espectáculos de showcooking e actuacións musicais

Cando:

23 de agosto de 2023

Este xoves 24 comezará a estadía na Coruña dos doce grandes veleiros que toman parte na Tall Ships Races Magallanes-Elcano, unha regata de categoría mundial que volve á cidade sete anos despois e que, ata este domingo 27, situará A Coruña no epicentro da actividade náutica internacional. Desta forma, o Goberno de Inés Rey dá continuidade á súa estratexia para afianzar a cidade como referente na acollida de grandes eventos.

Hoxe ao mediodía arribou ao porto a primeira das embarcacións participantes, o veleiro italiano 'Stella Polare', que lles foi abrindo camiño ao resto de buques que saíron a pasada fin de semana desde Falmouth (Reino Unido) en dirección á Coruña. Tamén este mércores, o veleiro 'Nautilus', pertencente á Armada e con base en Ferrol, chegou á primeira hora da mañá. Neste sentido, coa volta da regata á costa herculina, esta será a décima vez na que A Coruña exerce como anfitrioa da proba, sendo así a cidade máis visitada pola Tall Ships na súa historia.

A este respecto, está previsto que as instalacións portuarias no peirao de Transatlánticos estean abertas entre os días 24 e 27 das 11.00 ás 00.00 horas, en horario continuo, para facilitar as visitas da cidadanía aos grandes veleiros que estarán fondeados na contorna do Náutico e no propio peirao. No plan de organización e apoio da regata, así como no dispositivo de seguridade previsto para estes días, colaboran de forma conxunta o Concello, a Autoridade Portuaria e a Asociación Juan de Lángara.

Entre o venres 25 e o sábado 26, actividades culturais para todos os públicos

Ao amparo da estadía da Tall Ships Races na cidade, o Concello programou un amplo abano de actividades culturais, gastronómicas e de lecer, ideadas para todos os públicos e con asistencia gratuíta.

Desta forma, entre o venres 25 e o sábado 26, no peirao de Transatlánticos e tamén a bordo de diversos veleiros, terán lugar actuacións musicais como as da Asociación Cultural e Musical Diapasón 'O Birloque', Xacarandaina, a Asociación Cultural Donaire, A Trova Coruñesa, a Cuarentuna da Coruña, a Asociación Coros e Danzas Eidos, a Agrupación Folclórica Os Gaiteiriños e o Orfeón Herculino. Ademais, dispoñeranse inchables e haberá espectáculos de maxia e contacontos para a xente máis pequena, coa presenza do Mago Rafa, o Mago Román, Caxoto e Charo Pita .

O desfile das tripulacións, este venres 25 nos Cantóns

Este venres 25, dende as 17.00 horas e coa praza de Mina como punto de partida, realizarase o tradicional desfile de tripulacións da Tall Ships Races. O evento, aberto á cidadanía e ideado para todos os públicos, inclúe un espectáculo conxunto dos Kilomberos, Troula e as Medusas de Pablo Méndez.

O percorrido concluirá na praza de María Pita, coa entrega de trofeos da Sail Training International (STI). Comezará ás 18.00 horas.

Sesións gastronómicas, espectáculos de showcooking e concertos no 'Coruñam'

En paralelo ás actividades dispostas para a Tall Ships Races, e como programación complementaria a esta, entre os días 24 e 27 tamén está prevista a realización do festival de furgóns de comida (food-trucks) 'Coruñam', que terá lugar na contorna do Parrote.

Ademais de sesións de cociña abertas ao público, haberá espectáculos de 'showcooking' con chefs como David Mariño, de El Rincón del Reino, e Adrián Felipe, de Miga, entre outros. En paralelo, poderase gozar de concertos tanto ao mediodía como á noite, co grupo The Cruze e a banda de José Brea como protagonistas. As actividades terán lugar das 12.00 ás 00.00 horas, dende este xoves 24 e ata o domingo 27. A programación completa do 'Coruñam' pode consultarse no programa.

A parada naval, que despide a Tall Ships Races, será o domingo ao mediodía

Este domingo 27, último día da Tall Ships Races Magallanes-Elcano na Coruña, terá lugar a xa clásica despedida dos barcos na súa partida, rumbo a Lisboa. Os veleiros, que sairán ás 12.00 horas desde o peirao de Transatlánticos e os pantaláns do Náutico, diranlle adeus á cidade pola súa enseada interior, un espectáculo que se poderá divisar desde a contorna do castelo de San Antón e o Dique de Abrigo.

Xa ás 13.00 horas, e como paso previo e definitivo antes de saír a mar aberto, as 12 embarcacións que participan na próxima etapa da regata levarán a cabo a parada de vela fronte ao Buque Institucional de Autoridades.

Inauguración da exposición 'Porto da Coruña: unha historia visual'

Tamén esta mañá, o concelleiro da Área de Economía e Planificación Urbana e portavoz do Goberno municipal, José Manuel Lage, tomou parte no acto de apertura da mostra 'Porto da Coruña: unha historia visual', unha mostra organizada polo porto coincidindo coa chegada da Tall Ships Races á cidade.

A exposición, comisariada polo xornalista Rubén Ventureira e que recolle os principais fitos históricos asociados á historia do Porto da Coruña, consta de 20 paneis que inclúen textos, fotografías, planos e obras pictóricas que recollen episodios como a chegada dos peregrinos no Medievo, a partida da expedición Humboldt e a tamén a saída da expedición Balmis-Zendal rumbo ao continente americano.

Lage subliñou o valor desta proposta, que é "unha iniciativa necesaria e fundamental para que a cidadanía da Coruña sinta aínda un aprecio e orgullo máis profundo polo noso patrimonio, e tamén para que os turistas que hoxe pasean polas nosas rúas coñezan con máis detalle nosa historia, porque o porto forma parte do ADN da nosa cidade".

O portavoz do Goberno municipal puxo en perspectiva, ademais, a evolución recente das instalacións portuarias: "Estamos a asistir ao crecemento de Punta Langosteira, unha infraestrutura que será clave para o futuro da cidade, tanto no aspecto económico como polo potencial de transformación urbana que ofrece", dixo.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en