Concello da Coruña

Concello da Coruña
EMHU

Cartel da mostra ‘Guonderful Forges. Os anos da esperanza’ do EMHU.

O Concello da Coruña acollerá a exposición ‘Guonderful Forges. Os anos da esperanza’, no marco do Encontro Mundial de Humorismo

A exposición propón un percorrido pola época da Transición a través das viñetas de Forges, cunha mirada crítica sobre a política, a liberdade de expresión, o lecer ou a vida familiar

A mostra, comisariada polo guionista e escritor Juan Herrera, poderá visitarse do 24 de abril ao 4 de maio no Cantón Grande

Cando:

16 de abril de 2025

O Encontro Mundial de Humorismo (EMHU) presentará na súa quinta edición unha gran exposición ao aire libre dedicada á obra dun dos humoristas gráficos máis relevantes da historia de España: Antonio Fraguas, coñecido como Forges.

Desde o xoves 24 de abril ata o domingo 4 de maio, durante as once xornadas de realización do EMHU, o público poderá visitar no Cantón Grande Guonderful Forges. Os anos da esperanza, unha mostra que percorre a obra do autor a través das súas viñetas publicadas entre o final da ditadura e a chegada da democracia.

A morte de Franco, a situación política, os medios de comunicación, a liberdade de expresión, os estatutos de autonomía, o turismo, a música, o deporte, a pílula anticonceptiva, a Igrexa, a parella ou o cine e a televisión son algunhas das temáticas que Forges abordou nas súas viñetas, nas que exerceu como cronista da súa época cun humor lúcido e comprometido.

A mostra, que conta coa dirección artística de Ximena Feijoo Merklen e Luis Piedrahita e co apoio do Concello da Coruña a través de Turismo da Coruña, está comisariada por Juan Herrera, creador de formatos como Humor Amarillo ou El Hormiguero, e que xa participou no EMHU en edicións anteriores.

A inauguración da exposición terá lugar o xoves 24 de abril ás 11.00 horas no Cantón Grande, e contará coa participación da alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e de Luis Piedrahita, director artístico do EMHU.

Juan Herrera asina tamén o texto de presentación da mostra: "As ditaduras, como as hipotecas variables, sábese cando empezan, pero non como rematan. Non hai un anemómetro que mida a brisa da liberdade e quizais o humor sexa a única ferramenta capaz de facelo. Fronte ao medo e á represión, só queda o voo intrépido das paxariñas de papel dos humoristas. Entre eles, Forges destacaba como unha voz única e esencial".

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, destacou que esta mostra "permite achegar a toda a cidadanía unha reflexión sobre os valores democráticos a través do humor e da cultura". "É unha honra para esta cidade acoller unha exposición que reivindica o papel de figuras como Forges, que fixeron da risa unha ferramenta contra o medo. Dende o Concello queremos seguir impulsando iniciativas culturais que enriquezan o espazo público e o pensamento colectivo", sinalou.

As principais figuras e espectáculos do momento da comedia daranse cita na Coruña ao longo de 11 xornadas. Shows de estrea, mesas redondas, producións propias e proxeccións conforman un programa do que o público poderá gozar esta primavera.

O Encontro Mundial de Humorismo xa colgou o cartel de "entradas esgotadas" en practicamente todas as súas sesións, pero conta con actividades paralelas de acceso libre ata completar aforo -como o Match de Impro, a presentación de Atasco, a charla Castelao na arte europea ou o podcast El sentido de la birra Live- que terán lugar na sede de Afundación (Cantón Grande). Estas actividades intégranse no programa Cultura por Alimentos, unha iniciativa solidaria que invita ás persoas asistentes a facer unha achega simbólica de alimentos non perecedoiros, que se destinarán ao Banco de Alimentos Rías Altas.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DE EMHU 2025

  • 24/04 a 04/05 | Cantón Grande | Guonderful Forges. Os anos da esperanza
  • 24/04 | Teatro Colón | Lucho Mellera (esgotado)
  • 25/04 | Teatro Colón | Apocalípticamente correcto, con Luis Piedrahita (esgotado)
  • 26/04 | Sede Afundación | Match de Impro, con A Escola de Impro (entrada libre)
  • 26/04 | Teatro Colón | Playa de Lobos, encontro con Javier Veiga e Marta Hazas
  • 26/04 | Palacio da Ópera | La Chochoctora, con Henar Álvarez (esgotado)
  • 27/04 | Teatro Colón | Grito, con Hovik (últimas entradas)
  • 28/04 | Sede Afundación | Presentación da segunda tempada de Atasco (entrada libre)
  • 29/04 | Sede Afundación | Charla Castelao na arte europea (entrada libre)
  • 30/04 | Sede Afundación | El sentido de la birra Live (entrada libre)
  • 30/04 e 01/05 | Teatro Colón | Esto no es un show, con Galder Varas (esgotado)
  • 01 e 02/05 | Teatro Colón | 17 veces, con Faemino y Cansado (esgotado)
  • 02/05 | Teatro Colón | Anatomía del Humor, con Santaolalla, Crespo, Piedrahita, González de Vega e Rocío Vidal (invitacións esgotadas)
  • 02/05 | Sede Afundación | Tlatoani, con Carlos Ballarta (últimas entradas)
  • 03/05 | Teatro Colón | SHOW 1995, con Franco Escamilla (esgotado)
  • 03/05 | Palexco | La Ruina e Humoris Causa, con Carlos Blanco, Goyo Jiménez, Marta González de Vega e Xosé A. Touriñán (esgotado)
  • 04/05 | Teatro Colón | Fantastic Colofón, con Álex Clavero, Ana Morgade e JJ Vaquero (esgotado)

Web oficial EMHU:  www.emhu.es 

Press kit EMHU: https://cutt.ly/EMHU2025 

Comunicación EMHU: Lucía Pita | 675 404 321 comunicacion@emhu.es

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión