Os traballos de renovación deste equipamento municipal avanzan segundo os prazos previstos
3 de xullo de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá unha nova sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local, na que se aprobaron diversos asuntos de relevancia para a cidade, entre eles a extinción definitiva da concesión administrativa para a xestión do aparcadoiro do mercado municipal de Monte Alto, como parte do plan municipal de regulación das concesións posto en marcha polo Goberno municipal.
Entre as irregularidades do concesionario figuraba non ter pagado nunca o canon nin os impostos correspondentes. "Non é algo de agora, é un problema arrastrado tras sucesivos gobernos ao que agora poñemos solución rescatando a concesión, o mesmo que faremos con todas aquelas que incumpren", indicou Inés Rey durante a rolda de prensa posterior á XGL. O Concello ten previsto volver a sacar a licitación a xestión do aparcadoiro, que forma parte das 105 concesións municipais que xeran actividade económica. Licitarase a dita concesión ao longo deste ano para que preste servizo no 2026.
Rey enmnarcou o rescate da concesión do aparcamento dentro do plan de regulaización das concesións posto en marcha polo goberno municipal, que inclúa a aprobación, a semana pasada, dunha instrución específica cun novo marco normativo que inclúe a creación dun rexistro público e actualizado de todas elas, ano tras ano. O seu obxectivo é avanzar na actualización e posta ao día das concesións municipais, por ser patrimonio público e da cidadanía, tamén unha fonte de recursos económicos que teñen un impacto directo na prestación de servizos municipais.
En relación ao mercado municipal, continúanse ultimando todos os detalles necesarios para que o mercado estea a pleno rendemento cando rematen os traballos. A inicios de xuño aprobouse en XGL a saída a concurso de 13 postos baleiros no mercado municipal de Monte Alto. O obxectivo é cubrir a oferta existente en paralelo á finalización das obras, para que as persoas adxudicatarias entren xa de modo inmediato e comecen a súa actividade nos postos cun mercado con instalacións renovadas.