A Marina, nunha imaxe de arquivo
A nova ordenanza, que se levará proximamente ao Pleno para sometela á súa aprobación inicial, contempla exencións e, no caso dos cruceiros, a súa aplicación a partir do ano que vén si a Xunta non cambia a normativa
28 de maio de 2025
O Concello levará proximamente ao Pleno a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico sobre as estadías turísticas, a coñecida como taxa turística, unha iniciativa concibida para axudar a facer fronte ao aumento dos custes na prestación de servizos públicos, derivados, en parte, do maior número de viaxeiros e estadías turísticas que se veñen contabilizando na cidade nos últimos anos.
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe dos primeiros pasos para adoptar esta medida, contextualizando o porqué: "Falamos dunha cuestión de equilibrio. O turismo é unha fonte de ingresos para a cidade e, á vez, para facer fronte á demanda existente é fundamental reforzar os nosos servizos públicos. Non falamos de gravar o turismo, senón de ser responsables ante unha realidade. É posible disfrutar da cidade e, á vez, ser conscientes de que contar con servizos públicos é posible porque os pagamos entre todas e todos".
O ano pasado, A Coruña estivo ás portas de rebasar o millón de turistas no conxunto do 2024. En 2022, por poñer un exemplo, foron 750.000. Inés Rey apuntou que "isto amosa unha tendencia á alza á que, ademais, se suma un impacto territorial moi específico en algúns barrios da cidade".
A taxa, de 1 a 2,5 € en función do aloxamento, con exencións previstas
A taxa municipal que se aplicaría sobre o imposto autonómico oscila en función do tipo de aloxamento e a súa categoría.
O marco normativo que prevé aplicar o Concello estima tarifas de 2,5 € en hoteis de 5 estrelas ou 4 estrelas superior; de 2 € en VUT, hoteis de 4 estrelas, 3 superior, 3 e 2 superior; de 1,5 € a embarcacións de cruceiro, VUT, hoteis de 2 estrelas, 1 superior e 1 estrela; e 1 € no caso de vivendas turísticas.
No caso dos cruceiros que fagan escala na Coruña, a recarga aplicaríase a partir do ano 2026. "Se se cambiase a normativa autonómica estudiaríase a non aplicación desta recarga aos cruceiros, que, en todo caso, non se aplicará neste ano 2025", matizou a alcaldesa.
Ademais, na ordenanza tamén se estipulan exencións á taxa, como as estadías por motivos de saúde, ás e aos deportistas federados por competición oficial, ás persoas menores de idade non emancipadas, ás persoas cunha discapacidade superior ao 65%, ás que disfruten de estadías por programas sociais públicos da Unión Europea (UE), ás que leven a cabo estadías en albergues públicos ao abeiro do Plan Xacobeo e tamén ás persoas que efectúen estadías en establecementos hostaleiros a causa de reformas na vivenda propia na cidade.
Inés Rey explicou que a ordenanza deberá someterse á aprobación provisional do Pleno. Previsiblemente, no vindeiro mes de xuño.