Presentación Mundos Dixitais
A alcaldesa interviu na presentación da XXI edición do Congreso que terá lugar entre os días 6 e 8 de xullo na Coruña
22 de xuño de 2023
A alcaldesa, Inés Rey, interviu esta mañá na presentación da XXI edición do Congreso Mundos Dixitais que terá lugar na Coruña entre os días 6 e 8 de xullo. Rey destacou o evento como "unha cita xa obrigada na nosa cidade na súa XXI edición e que dá boa mostra da raíz que ten o propio congreso na Coruña, mais tamén a tecnoloxía e o audiovisual na nosa cidade". Na presentación tamén interviron Jacobo Sutil, director do AGADIC, Julio Abalde, reitor da UDC, Valentín González Formoso, presidente da Deputación da Coruña e Manuel Meijide, director de Mundos Dixitais.
A alcaldesa sinalou a importante vinculación do sector audiovisual e da animación na Coruña e fixo referencia a José Sellier como cinematógrafo pioneiro, e tamén a Manolo Gómez, director de "O Bosque Animado" e Alberto Vázquez, gañador do Goya á mellor animación por "Unicorn Wars".
"Debemos reforzar esa vinculación da Coruña co audiovisual e a tecnoloxía, de aí o noso compromiso de seguir apostado por congresos como este que fan da Coruña o centro de encontro dos mellores profesionais de animación e tecnoloxía", explicou. A rexedora tamén apuntou que desde este mandato, o Goberno municipal contará cunha concellaría de Innovación, como mostra de apoio e compromiso co sector TIC da cidade e que estará encabezada por unha muller. "Sei que as STEM seguen estando masculinizadas, mais tamén que cada vez son máis as mulleres que chegan, así que fagamos un esforzo por visibilizalas tamén nos paneis porque desta forma progresaremos todos e todas" concluíu a alcaldesa.
Intelixencia artificial
A Intelixencia Artificial terá nesta XXI edición de Mundos Dixitais un espazo destacado, despois de que A Coruña fose designada como sede da primeira Axencia Española de Supervisión e Intelixencia Artificial (AESIA) e tamén co Estudo Inmersivo CEI que se situará na Cidade das TIC. No marco do Plan España Hub Audiovisual, impulsado pola secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, levou a cabo un importante labor de análise para a transformación do sector audiovisual na que traballaron máis de 30 profesionais do sector. Mundos Dixitais acollerá a presentacion das conclusións ao sector en primicia sobre as novas formas de rodaxes virtuais e as súas implicacións técnicas, xurídicas e económicas. Ademais, impartiranse dúas conferencias de Intelixencia Artificial abertas á cidadanía. A primeira delas impartiráa Dot CSV, Carlos Santana, un dos divulgadores de IA máis destacados de España que mostrará, a través dunha masterclass moi visual, o estado da arte da IA no sector creativo. Será o 7 de xullo ás 19.30 horas, no Auditorio da Sede Afundación. A segunda será impartida por Alba Meijide, comisaria da exposición "AI: More than Human", que compartirá as súas reflexións sobre como aproveitar ao máximo esta nova tecnoloxía en beneficio da nosa creatividade. Terá lugar o 6 de xullo ás 19.30 horas, no Auditorio da Sede Afundación.