Concello da Coruña

Concello da Coruña

Ajetreo Taberna e Taberna Triay gañan os XIX Premios Picadillo

Inés Rey destacou a implicación do sector hostaleiro no concurso gastronómico máis antigo de Galicia

Cando:

5 de decembro de 2023

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, presidiu esta mañá no salón de sesións do Palacio Municipal de María Pita a entrega de premios da XIX edición do concurso de tapas Picadillo. Tras analizar as propostas dos 49 establecementos que participaron no certame entre o 24 de novembro e o 3 de decembro, o xurado escolleu a Ajetreo Taberna (nas categorías Receitario Picadillo e Cidade da Coruña) e Taberna Triay (na categoría Tapa Creativa) como gañadores.

Por unha banda, Ajetreo Taberna conseguiu dous dos tres premios coa súa receita "Pataca da horta". O establecemento situado na rúa Galera foi gañador do Premio Picadillo 2023 á mellor tapa Receitario Picadillo, que se outorga a aquelas que empregan nas súas elaboracións receitas salgadas recollidas na obra 'La cocina práctica', de Manuel María Puga y Parga, 'Picadillo'. Nesa categoría recibiu unha mención especial o bar Quintela pola súa tapa "Ramen galego". Ajetreo Taberna tamén obtivo o Premio Picadillo 2023 da Cidade da Coruña ao ser a tapa máis votada polo público que participou no concurso. Recolleu os galardóns en representación do establecemento Belén Nogueira.

Por outra banda, o Premio Picadillo 2023 á mellor Tapa Creativa foi para a Taberna Triay coa súa tapa "Donete recheo de cocido, glaseado de queixo do Cebreiro, caramelo de pemento e o seu caldo afumado". Recolleu o premio Manuel Triay. Tamén houbo unha mención especial ao establecemento Intenso Coruña coa súa tapa "Éclair de touciño entrefebrado confeitado á carbonara galega".

Inés Rey destacou a gran calidade das receitas presentadas nesta edición e a dificultade do xurado para escoller as gañadoras. "Como coruñesa, é un orgullo comprobar o pulo e crecemento dun concurso tan popular, que amosa a capacidade de superación dun sector fundamental para a economía da cidade como é a hostalaría", sinalou a rexedora. Rey confirmou tamén que o ano que vén, na XX edición do concurso, conmemorarase o 150 aniversario do nacemento de Picadillo con diferentes sorpresas.

No acto, a alcaldesa estivo acompañada pola concelleira de Turismo, Comercio, Mercados e Hostalería, Diana Cabanas, e pola neta de Picadillo e membro da Academia de Gastronomía de Galicia, Carmen Fernández-Gago Puga.

Diplomas por categorías

Categoría Receitario Picadillo

  • AJETREO TABERNA, coa súa tapa: Pataca da horta.
  • BAR QUINTELA, coa súa tapa: Ramen galego.
  • YEMA, coa súa tapa: Albóndega de cordeiro e sepia .
  • TABERNA TRIAY, coa súa tapa: Roupa vella.
  • LA ESQUINA DE VALENTINA, coa súa tapa: Brioche de atún en pepitoria.

Categoría Tapa Creativa

  • AMA, coa súa tapa: Polbo en tempura con salsa tonnata.
  • COSECHA 81, coa súa tapa: Tataki de Aki.
  • CHIFÁN COCINA, coa súa tapa: Wantan acevichado.
  • INTENSO CORUÑA, coa súa tapa: Eclair de touciño entrefebrado confeitado á carbonara galega.
  • TABERNA TRIAY, coa súa tapa: Donete recheo de cocido, glaseado de queixo do Cebreiro, caramelo de pemento e o seu caldo afumado.

Xurado

  • Claudia Queiruga (La Gula Gourmet)
  • Cristina Alonso (Chegar e encher)
  • Raquel Rosende (Castigada con salir)
  • Simón Calviño y Vivi (Coruña a Bocados)
  • Carlota Fariña (Carlota Fariña)
  • María José Basanta (Laurel y Canela)
  • Sofía Sanesteban y Hugo  La Gastrocrítica)
  • Clara Cea y Mauro Mosquera (Boavista Colective)
  • Azucena García y Sheila Antelo (Guía Michelines)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión