Na imaxe, turistas percorrendo as rúas da contorna da Marina
José Manuel Lage estimou en 2,5 millóns os ingresos anuais previstos a través desta taxa, "que permitirá a súa reinversión en melloras para a cidade e os servizos municipais"
31 de xullo de 2025
O Pleno do Concello da Coruña aprobou definitivamente hoxe a ordenanza fiscal que regula a taxa municipal sobre o imposto autonómico sobre as estadías turísticas, que entrará en vigor, previsiblemente, no vindeiro mes de setembro. A excepción será para o tráfico de cruceiros, que quedarán exentos este ano ao ter a súa tempada de orzamentos xa pechada.
Tal e como explicou José Manuel Lage na sesión plenaria, esta iniciativa concibiuse para axudar a facer fronte ao aumento dos custes na prestación de servizos públicos, un incremento que vén derivados, en parte, do maior número de viaxeiros e estadías turísticas que se veñen contabilizando na cidade nos últimos anos.
Neste sentido, A Coruña aplicará unha taxa de entre 1,5 e 2,5 euros en función do tipo de establecemento e ata un máximo de cinco días de estadía. Haberá, ademais, exencións para menores de idade, deportistas que veñen á cidade por mor de competicións deportivas "e, por suposto, cidadáns da Coruña que, por causas de forza maior, como obras nos seus domicilios, estean obrigados a instalarse durante un tempo en establecementos hoteleiros".
Este tipo de taxa, que se ampara na normativa autonómica, xa se aplica en moitas cidades europeas. É o caso de Barcelona, Xenebra ou Porto, entre moitas outras. "Con esta taxa aspiramos a conseguir un turismo sostible e de calidade. É unha ordenanza xusta, que contribuirá a ordenar o turismo e que, entre todos, tamén entre os que visitan a cidade, se sufraguen os moitos servizos que presta o Concello e para os que son necesarios recursos", razoou Lage, que estimou en 2,5 millóns os ingresos anuais previstos a través desta taxa, "que permitirá a súa reinversión en melloras para a cidade e os servizos municipais".