As visitas aos grandes veleiros estiveron habilitadas entre o xoves 24 e o sábado 26
A alcaldesa, Inés Rey, subliñou o impacto que supuxo o regreso á cidade deste evento náutico internacional. O Goberno municipal estima que o retorno económico é superior aos oito millóns de euros
28 de agosto de 2023
Os grandes veleiros da Tall Ships Races Magallanes-Elcano despedíronse este domingo da Coruña rumbo a Lisboa, na que foi a décima estadía deste evento náutico internacional na cidade herculina, que deixou un balance de 101.054 visitas ao peirao de Transatlánticos nos tres días nos que as embarcacións estiveron abertas ao público, entre xoves e sábado.
Indo ao detalle polo miúdo, o rexistro diario de visitas foi medrando a medida que se achegou a fin de semana: dos 27.590 asistentes contabilizados o xoves 24 -cando se habilitou o acceso aos buques a media tarde- pasouse a 35.846 visitantes o venres 25, chegando xa a 37.618 o sábado 26, último día hábil para subir aos buques.
Baseándose nos datos recollidos polo persoal municipal de organización establecido no Palexco, a maior parte das visitas durante os tres días tiveron lugar en horario de tarde, cun incremento moi marcado desde as 16.00 horas e ata o final da xornada. O pico habitual das visitas deuse entre as 19.00 e 20.00 horas, ao tratarse da última hora dispoñible antes do peche ao público das embarcacións.
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o impacto que tivo a volta da regata á cidade, sete anos despois da súa última edición con escala na Coruña. "A estimación do Goberno municipal é que o regreso da Tall Ships Races supuxo un retorno económico de máis de oito millóns de euros, o que sustenta a nosa aposta por afianzar a cidade como unha referencia na acollida de grandes eventos".
Actividades para todos os públicos entre os peiraos e O Parrote
Entre o xoves e o sábado, e en paralelo á estadía das embarcacións, o Goberno de Inés Rey promoveu un amplo abano de actividades culturais, gastronómicas e de ocio, ideadas para todos os públicos, entre o peirao de Transatlánticos e o paseo do Parrote.
Ademais dos espectáculos de maxia e contacontos programados a bordo dos buques, tamén tiveron lugar concertos como os do Orfeón Herculino e Os Gaiteiriños, entre outros. Xa o sábado, tivo lugar o tradicional desfile das tripulacións entre a praza de Mina e a praza de María Pita, coa posterior entrega de premios da Sail Training International (STI).
Tamén ata este domingo, día da despedida das embarcacións, o paseo do Parrote acolleu o festival gastronómico 'Coruñam', con sesións de cociña, showcookings e o establecemento de furgóns de comida, acompañados de concertos ao mediodía e ao final da tarde.