Esta iniciativa ten como obxectivo promover o uso deste medio de transporte nun destino turístico sustentable
3 de xuño de 2025
A Coruña recupera, despois de 15 anos, o Día da Bicicleta, unha iniciativa organizada conxuntamente entre o Concello e a Asociación Galega de Xornalistas do Deporte (Agaxorde) co obxectivo de promover o uso deste medio de transporte entre a cidadanía e inculcar nas persoas participantes nocións sobre seguridade viaria. Ademais, este proxecto tamén busca asociar a imaxe da cidade como destino turístico sustentable.
"Desde o Goberno Inés Rey quixemos darlles un novo impulso ás nosas políticas de mobilidade sustentable recuperando unha actividade que é clave para que tanto nenos/as como maiores utilicen cada vez máis un medio de transporte sustentable e que garante hábitos de vida saudables", sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. Así, do 16 ao 22 deste mes, desenvolverase na cidade esta iniciativa municipal que ten como actividades máis destacadas unha exposición sobre a historia do ciclismo coruñés (e que se prolongará ata o día 29) no paseo do Parrote, con fotografías desde finais do século XIX, e a recuperación do Día da Bicicleta, despois de 15 anos.
Este último evento terá lugar o domingo 22. A participación será de carácter gratuíto baixo obrigatoria inscrición e terá como punto de saída e chegada o paseo do Parrote a partir das 10.30 horas. As persoas participantes realizarán un percorrido de 12 quilómetros a través do paseo marítimo, catalogado como o máis grande de Europa continental e un dos espazos máis icónicos da cidade. Pasarán por diante da Torre de Hércules, Patrimonio Mundial, e circularán ata a contorna da cidade deportiva de Riazor.
As inscricións abríronse o pasado venres 30 de maio e xa hai máis de 200 persoas que confirmaron a súa participación. As primeiras 600 inscricións terán un agasallo. Os e as visitantes que se acheguen ata A Coruña o 22 e queiran participar na xornada familiar e sustentable que supón o Día da Bicicleta poderán utilizar, de forma gratuíta, unha bicicleta do servizo municipal de BiciCoruña e, ademais, recibirán unha mochila cunha serie de agasallos.
O período de inscrición pecharase o venres 20 de xuño, ás 14.00 horas. A recollida de credenciais e mochilas para as persoas inscritas levará a cabo no Centro Comercial Catro Camiños o venres 20 de xuño, de 17.00 a 20.00 horas, e o sábado 21 de xuño, de 10.00 a 20.00 horas.
Por outra banda, o luns 16 celebrarase no auditorio do Centro Sociocultural Ágora unha charla sobre educación viaria e uso da bicicleta e do resto de VMP nas cidades. Esta actividade estará dirixida a centros educativos e comezará ás 11.00 horas.
O Día da Bicicleta ten carácter solidario e permitirá a recollida de bicicletas, que serán restauradas e, posteriormente, entregadas a familias en situación de vulnerabilidade, xunto con material deportivo, para fomentar así a inclusión e o acceso ao deporte de todas as persoas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da seguinte ligazón.