Acto en Milán.
Participan nesta acción A Coruña Convention Bureau e a Consellaría de Turismo da Embaixada de España en Italia
22 de xuño de 2023
A cidade da Coruña promociónase hoxe en Milán como destino MICE ante 30 empresas especializadas nesta modalidade de turismo de congresos e eventos. O Concello da Coruña, a través do Consorcio de Turismo e Congresos, reforza o posicionamento da cidade como unha opción idónea para a organización de congresos de distintas disciplinas, na liña dos últimos anos. Nesta acción promocional que ten lugar hoxe na cidade italiana participan A Coruña Convention Bureau e a Consellaría de Turismo da Embaixada Española en Italia.
O pasado 28 de marzo o aeroporto de Alvedro estreou conexión aérea internacional co aeroporto de Milán-Malpensa a través de easyJet e con dúas frecuencias semanais. Unidas ambas as cidades por vía aérea, A Coruña ofrécese en Italia como destino MICE para fortalecer lazos entre ambos os destinos.
A Coruña é unha cidade atlántica, acolledora, dinámica e innovadora, testemuña dos últimos avances nos ámbitos científico, tecnolóxico ou sanitario con congresos de alto nivel. Só en 2022 a cidade recibiu a máis de 15.000 congresistas. Por todo iso a cidade reforza cada ano o seu posicionamento como destino MICE, con grande experiencia en organización de eventos e congresos. As empresas especializadas reunidas hoxe en Milán amosan o seu interese nos espazos para eventos e servizos cos que conta a cidade coruñesa, así como uns sectores hostaleiro e hoteleiro de gran calidade, que estrean o selo de calidade SICTED.
Ademais, a cidade ofrece aos visitantes unha ampla oferta de lecer, cultural e gastronómica, cun amplo paseo marítimo e magníficas praias no centro urbano, sen esquecer o monumento máis emblemático da Coruña: o faro romano máis antigo do mundo aínda en funcionamento, a Torre de Hércules, Patrimonio Mundial.
Oferta deste ano
A Coruña está inmersa na 'Celebración Picasso 1973- 2023', con exposicións e máis de 30 actividades programadas ao longo do ano para conmemorar o 50 aniversario do falecemento de Pablo Picasso, artista universal que viviu na cidade entre os 9 e os 13 anos.
Este verán volverá a Tall Ships Races Magallanes-Elcano, a regata máis importante do mundo de grandes veleiros, que chegará á Coruña o 24 de agosto. Ademais das festas e concertos, en outubro terá lugar na cidade uno dos eventos de músicas do mundo máis importantes, o Womex 2023.