Concello da Coruña

Concello da Coruña
Festa San xoán 2 web

A Coruña presenta o cartel e a programación do San Xoán, Festa de Interese Turístico Internacional

A deseñadora e ilustradora ourensá Laura Pato, coruñesa de adopción, é a autora do cartel

Cando:

9 de xuño de 2025

A alcaldesa, Inés Rey, presentou esta mañá nunha rolda de prensa a programación cultural do San Xoán, Festa de Interese Turístico Internacional, así como o cartel deste 2025 que é obra da deseñadora e ilustradora ourensá Laura Pato.

Como cada ano, a celebración do San Xoán coruñés levará aparellada unha programación cultural que complementará o lecer que xa por si se vive nas praias e nos barrios. Así, e tras a queima da falla e o espectáculo pirotécnico da medianoite, o grupo La Guardia e Hey Kid serán os encargados de acender a parte máis musical da noite na explanada do Palacio dos Deportes.

Por outra banda, desde este venres 13 ata o luns 23 regresa a Ruada das Xoubas, unha iniciativa de artes escénicas para todos os públicos formada por nove compañías vinculadas á Coruña e que percorrerá os distintos barrios da cidade con teatro, música, danza, maxia ou narración oral.

Tamén haberá espectáculos abertos á cidadanía no parque Europa, na praza da Tolerancia, praza dos Avós, parque de Oza, Casa Museo Casares Quiroga, Pescadores, Vioño, Pablo Iglesias ou Campo da Leña. A programación completa é a seguinte:

Venres 13 de xuño

Parque Europa (Fórum Metropolitano en caso de choiva)

18.00 horas: Tigre de Papel - Taller de decoración de sardiñas

19.00 horas: Caxoto - Grandes éxitos 2004-2024

Sábado 14 de xuño

Praza da Tolerancia (CCM Labañou en caso de choiva)

18.30 horas: Os Náufragos Teatro "Bulebule"

Parque de Santa Margarida (Soportais da Casa das Ciencias en caso de choiva)

19.00 horas: Cris de Caldas "Contos en lila"

Domingo 15 de xuño

Praza dos Avós (CCM de Monte Alto en caso de choiva)

18.30 horas: A maga Dani e Martín Camiña "Unha gran enleada de enredos"

Parque de Oza (CCM de Monelos)

19.00 horas: Ghazafelhos "Historias para escagharriñarse"

Venres 20 de xuño

Casa Museo Casares Quiroga

18.30 horas: Pérez & Fernández "Nanai da China"

19.00 horas: Caramuxo Teatro "Os senteito"

Sábado 21 de xuño

Praza dos Pescadores (CCM Pescadores en caso de choiva)

18.30 horas: Artestudio Teatro "Contos no ar"

Parque de Vioño (CCM Os Mallos en caso de choiva)

19.00 horas: Pedras de cartón "Carapuchiña vermella"

Domingo 22 de xuño

Praza de Pablo Iglesias (CCM O Castrillón en caso de choiva)

18.30 horas: Danthea Teatro "O titor de Pierrot"

19.00 horas: Os contos de Pablísimo - 25 anos dos contos de Pablísimo

Luns 23 de xuño

Campo da Leña (soportais de María Pita en caso de choiva)

11.00 horas: Tigre de papel - Taller de decoración de sardiñas

11.00 horas: Taller de herbas de San Xoán

12.30 horas: Aurora Artes Escénicas "Bosque"

Laura Pato, autora do cartel do San Xoán 2025

Laura Pato, ourensá de nacemento e coruñesa de adopción, é unha deseñadora e ilustradora cunha intensa e exitosa presenza en redes sociais baixo o seu pseudónimo Le Petit Patito, co que combina, en redes como Instagram, humor acedo e crítica social.

É unha artista cun estilo moi recoñecible que aborda temas como o consumismo nas redes, a cultura dos influencers ou a crise da vivenda en España, coa minuciosidade que lle achega a súa titulación como arquitecta.

Dispositivo especial de seguridade e limpeza de case 1.000 persoas

"A noite de San Xoán é a máis especial do ano para moitos coruñeses e moitas coruñesas, mais tamén ten unha complexidade engadida para nós como concello, que nos esixe a máxima coordinación en materia de seguridade, mobilidade e limpeza", indicou a alcaldesa, Inés Rey, que estivo acompañada durante a rolda de prensa pola concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira; o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro; a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz; e o concelleiro de Urbanismo, Rehabilitación e Vivenda, Francisco Díaz Gallego.

O dispositivo de seguridade estará coordinado desde o Centro de Mando Móbil que se situará, como cada ano, na coiraza que separa as praias de Riazor e Orzán. Comezará oficialmente ás 05.30 horas do día 23. Os cortes de tráfico no paseo marítimo produciranse a partir das 19.00 horas e o baño estará prohibido desde as 22.00 horas.

Por outra banda, o acceso ás praias estará sinalizado con 12 bandeirolas, desde O Matadoiro ata As Escravas; e cortarase o acceso ao tráfico nas rúas Antonio Viñes, Emilia Pardo Bazán, San Xosé e San Xoán no momento no que a Policía Local estime necesario.

120 toneladas de madeira

Este San Xoán repartiranse un total de 120 toneladas de madeira apta para a queima a partir das 19.00 horas en 14 puntos distribuídos polos areais. Haberá tamén máis de 25 puntos á saída das praias para que as persoas usuarias poidan deixar os residuos de forma separada, en contedores de gran tamaño para residuos orgánicos, inorgánicos e vidro. Estes puntos estarán sinalizados e vinilados con claridade para que a xente identifique onde ten que depositar cada tipo de residuo. Ecovidrio repartiralles 3.000 invitacións para o Aquapark de Cerceda ás persoas que depositen correctamente os seus residuos. Ademais, haberá un reforzo de colectores nos barrios para que as persoas poidan reciclar os restos da celebración en cada distrito; así como un reforzo de aseos portátiles ao longo dos areais, con máis de 50 unidades.

O desaloxo das praias comezará ás 6.00 horas. Para a noite de San Xoán está previsto que a baixamar sexa ás 21.30 horas e a preamar ás 3.51 horas. A limpeza efectuarase en todas as praias da cidade con actividade relacionada co San Xoán e nos barrios, especialmente aqueles que rexistran unha especial afluencia nas celebracións veciñais como Monte Alto, Vioño, Labañou, Os Castros, Os Rosales e o Barrio das Flores. Tamén se atenderá a limpeza de zonas como María Pita, a contorna de Emilia Pardo Bazán e o incremento da actividade de lecer na praza do Humor, Azcárraga, Cidade Vella ou Ángel Senra.

"O lume do San Xoán mantense prendido todo o ano porque as ganas de iniciar o verán coruñés van marcadas no noso ADN. Mais tamén facelo con sentidiño e responsabilidade", sinalou a alcaldesa. Inés Rey tamén chamou ao civismo e a non delimitar espazos nos areais nos días previos. "As praias son espazos de uso público e todos e todas temos dereito a gozar da noite de San Xoán", indicou.

Transporte público

Establecerase un dispositivo especial de transporte público, consistente en oito liñas especiais que comunicarán os barrios coa praza de Pontevedra. Terán cada unha delas unha frecuencia de 10-15 minutos ata as 02.30 horas. O servizo nocturno estará operativo entre as 03.00 e as 06.30 horas cunha frecuencia de 30 minutos. Os tempos son aproximados e poderían variar en función do tráfico. As liñas que estarán dispoñibles durante a noite de San Xoán serán: 1, 1A, 3, 3A, 6, 7, 11, 21 e unha circular entre a Cidade Vella e Monte Alto (3A). Ademais, o servizo nocturno, con saídas cada media hora, seguirá o seu itinerario habitual. O obxectivo é conectar todos os barrios da cidade coa praza de Pontevedra e permitir un desprazamento cómodo e seguro da cidadanía.

Consulta o bando municipal na web do Concello.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión