Concello da Coruña

Concello da Coruña
Reunión

A reunión desta mañá tivo lugar no Salón Dourado de María Pita

A Coruña e a súa área esixen á Xunta unha política aeroportuaria que dea resposta ás necesidades dos cidadáns de toda Galicia

A alcaldesa, Inés Rey, reuniuse hoxe con rexedores e rexedoras da comarca coruñesa para esixir ao Goberno autonómico a creación dunha mesa política “ que traballe con visión de país e supere os localismos”

Cando:

25 de setembro de 2025

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, esixiu á Xunta que convoque de forma inmediata unha mesa política para deseñar o futuro do sistema aeroportuario galego "superando os localismos e traballando con visión de país". 

Rey, que se reuniu esta mañá con rexedores e rexedoras da provincia e coa Deputación para abordar as necesidades existentes con respecto á política aeroportuaria galega, destacou a necesidade de tomar medidas de forma urxente nun contexto no que o aeroporto luso de Sá Carneiro (Porto) capta 15 millóns de viaxeiros anuais, dos que máis dun terzo son galegos.

Na comparecencia posterior á reunión, Rey subliñou a necesidade de "saír da pasividade e superar o localismo con respecto aos aeroportos galegos" e instou a apostar "por unha visión de país que atenda á complementariedade" de Alvedro, Lavacolla e Peinador, "e non a unha competencia que non nos leva a ningunha parte".

Neste sentido, esixiu á Xunta que cree unha mesa política onde estén representadas as sete cidades galegas, as catro Deputacións e a Confederación Galega de Empresarios, "para pedirlle a AENA unha política aeroportuaria que axude a superar os cortopracismos".

A competencia de Sá Carneiro, clave

Inés Rey lembrou que o cómputo anual de viaxeiros que suman os tres aeroportos galegos é de 5,9 millóns. "E en Sá Carneiro, dos seus 15 millóns anuais, 5,7 millóns son viaxeiros da nosa terra. Son datos que deben facer reflexionar, facer pensar a que destinos se vai desde Porto e que destinos podemos implementar aquí para reter pasaxeiros".

Rey tamén advertiu da necesidade de ter en conta os diferentes perfiles de viaxeiro que hai en cada aeroporto. No caso de Alvedro e Peinador, máis orientados ao comercial e o empresarial. E no caso de Lavacolla, máis turísticos.

"Non é un problema de competencias, é necesario deixar de lado deixar debates estériles, deixar de mirar ao pasado sobre se era necesario ter tres aeroportos ou un, porque non estamos xa nesa fase. Temos tres, e pedimos e esiximos á Xunta que lidere esta mesa política, convoque aos concellos e estudiemos a complementaridade dos tres aeroportos, porque hai demanda e temos que ser competitivos no mapa aeroportuario e dar resposta ás necesidades dunha comunidade con moito potencial. Miremos a Galicia, afastémonos do localismo e deixemos competencias absurdas entre cidades e aeroportos", indicou a rexedora, especificando que a Xunta ten que convocar ás sete cidades, ás catro deputacións e á Confederacion de Empresarios para poder abordar as políticas aeroportuarias

Na reunión, además de Rey, tomaron parte os concelleiros José Manuel Lage e Gonzalo Castro, ademais de rexedores dos concellos do Consorcio das Mariñas: Ángel García Seoane (Oleiros), Benito Portela (Sada), José Ramón Riobóo (Culleredo), María Barral (Betanzos), José Luis Fernández Mouriño (Carral) e José Antonio Santiso Miramontes (Abegondo), aos que se sumou Manuel Fernández Mallo en representación de Cambre. Ademais, e en representación da Deputación, tomou parte a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, que non foi a única representante da Costa da Morte neste acto, no que tamén participaron Juan Seoane, concelleiro en Carballo, e José Ramón Martínez Barbeito, tenente de alcalde na Laracha.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión