A Orquestra Sinfónica de Galicia, con Fabián Panisello, e o contrabaixista Florentin Ginot protagonizan os concertos de clausura desta edición
28 de maio de 2025
A Coruña despide este fin de semana a oitava edición do Festival RESIS de música contemporánea con dúas propostas únicas que evidencian a aposta do festival pola excelencia artística e a creación contemporánea máis actual. A cidade da Coruña será escenario dun peche de edición que mestura talento internacional, exploración sonora e espazos emblemáticos.
Este venres 30, a partir das 20:00 horas, o Palacio da Ópera acollerá o concerto Metástasis, protagonizado pola Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a batuta do recoñecido compositor e director Fabián Panisello. Ao día seguinte, e tamén á mesma hora, a DOMUS contará coa actuación do contrabajista Florentin Ginot e o seu proxecto Obstinate.
A entrada para ambos os concertos é gratuíta e poden conseguirse no kiosko da Praza de Ourense ou en ataquilla.com.
O Festival RESIS pecha así unha edición que volveu converter A Coruña nun punto de encontro internacional para a creación contemporánea conectando públicos, espazos e artistas.