Concello da Coruña

Concello da Coruña
Ecosystems

A alcaldesa Inés Rey, xunto a Román Rodríguez e Omar Hatamleh, no Ecosystems 2030.

A Coruña consolídase como capital internacional da innovación co cuarto Ecosystems 2030 na cidade

A alcaldesa Inés Rey destaca que o evento, que reunirá os días 3 e 4 de outubro máis de 50 líderes globais, exemplifica o modelo de cidade que aposta pola tecnoloxía, o talento e o coñecemento

Cando:

4 de xullo de 2025

O Congreso Ecosystems 2030, un dos eventos internacionais máis relevantes das novas tecnoloxías, volve á Coruña os días 3 e 4 de outubro. Un ano máis a cidade reunirá líderes mundiais en tecnoloxía, intelixencia artificial, medicina, creatividade, sostibilidade, liderado e investimento.

A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor a importancia de que A Coruña sexa sede permanente do evento, consolidando a urbe como polo tecnolóxico: "A Coruña non só acolle eventos, convérteos en motores de transformación. Ecosystems 2030 exemplifica o modelo de cidade que estamos a construír: unha cidade conectada co futuro, coa innovación e co coñecemento".

O congreso contará con máis de 50 relatoras e relatores de referencia internacional, entre eles representantes de Google, SAP, Mastercard, IKEA, HP, Logitech, Airbus, ONU, Stanford, Johnson & Johnson ou Ferrovial. As sesións estruturaranse en seis bloques temáticos: intelixencia artificial, saúde, liderado, sostibilidade, creatividade e investimento.

Entre os nomes destacados figuran V. R. Ferose (SAP), JoAnn Stonier (Mastercard), Sara Alami (IKEA), Carme Artigas (ONU), Guayente Sanmartin (HP), Saeed Aldhaheri (UNESCO), Pilar Manchón (Google), Carolina Aguilar (INBRAIN), e Amy Carle (artista de biofabricación e IA).

O presidente executivo de Ecosystmes 2030, Omar Hatamleh, destacou o potencial da Coruña como "espazo natural para liderar os grandes debates globais", e Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, quen salientou a importancia destas iniciativas en Galicia e aplaudiu o traballo da organización, tanto polo éxito de edicións anteriores como pola axenda desta nova edición e o seu carácter máis interactivo.

Neste sentido, destacou que a Xunta traballa no posicionamento da Comunidade como referente no eido da innovación e "para iso é preciso contar precisamente cun ecosistema forte e cohesionado". O representante da Xunta de Galicia apuntou que tecnoloxías como as que se van abordar neste foro son cruciais para impulsar unha transformación profunda e lograr un impacto económico e social relevante e, por tanto, incidir na mellora da calidade de vida das persoas.

De acordo co conselleiro, a alcaldesa destacou a incorporación do tecido empresarial galego en colaboración co Goberno autonómico, incorporando un espazo específico para que startups da comunidade presenten os seus proxectos ante investidores internacionais. Así, esta será a edición máis participativa ata o momento, ao abrirse á cidadanía e ao ecosistema local. 

Por primeira vez, as sesións do congreso incluirán actividades accesibles ao público xeral e espazos de conexión directa entre persoas emprendedoras, empresas e institucións. Espérase cuadruplicar a asistencia respecto a edicións anteriores, o que reforza o impacto económico directo do evento na cidade.

O sábado 4 de outubro desenvolverase unha xornada formativa de alto nivel con masterclasses certificadas internacionalmente. Participarán figuras como Noelia Amoedo (CEO de Mediasmart), Michael Lewrick (experto en innovación en Deloitte), Javier Campos (CTO de Peach) e Nikki Eberhardt (profesora da Minerva University), cun enfoque práctico sobre liderado, transformación empresarial e intelixencia artificial aplicada ao desenvolvemento estratéxico. "A Coruña está preparada para liderar os grandes debates do futuro porque temos talento, capacidade e unha estratexia clara que aposta pola innovación como motor de desenvolvemento", destacou a alcaldesa.

O Goberno municipal, a través da súa aposta pola captación de fondos europeos, a posta en marcha da AESIA, o desenvolvemento da Cidade das TIC e o impulso de proxectos como ALLOCATE, reafirma así a súa folla de ruta para consolidar A Coruña como capital galega da innovación e referente estatal en tecnoloxía.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión