A concelleira Yoya Neira, esta mañá, na caseta de Educación Ambiental en Riazor
A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, visitou a caseta que ofrece actividades de divulgación para todas as idades e tamén un servizo de préstamo de libros durante a tempada estival
15 de xullo de 2025
Desde hai unha década, o Concello da Coruña instala na praia de Riazor unha caseta de Educación Ambiental co obxectivo de achegar ao público de todas as idades actividades de divulgación sobre o respecto á contorna natural.
Nesta edición, a instalación acolle unha exposición sobre a contaminación de plásticos no mar, ofrece actividades para todas as idades e conta cunha 'biblioteca verde' en colaboración co servizo de Bibliotecas Municipais.
"Cumprir 10 anos cun proxecto como este amosa o compromiso do Goberno de Inés Rey co obxectivo de achegar a educación ambiental a todos os públicos, a todas as idades e en todas as contornas", destacou hoxe a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, quen lembrou que a programación da caseta é un dos aspectos destacados pola ADEAC para conceder a bandeira azul ás praias urbanas da Coruña.
A caseta estará operativa durante os meses de xullo e agosto en horario de mañá. Para acceder ás súas actividades hai dúas vías: por unha banda, calquera persoa pode achegarse á caseta, situada xunto á dos socorristas na praia de Riazor, a participar en actividades e talleres ou a tomar prestado un libro para a súa xornada de praia, mais tamén é posible reservar en liña actividades para grupos a través do correo electrónico educacionambiental@coruna.gal.
Este verán, as actividades que se ofrecen son moi variadas e todas teñen o respecto ao mar, á biodiversidade e o coidado da contorna como eixos condutores, desde xogos como a procura do tesouro ata talleres de manualidades con material reciclado. As actividades son impartidas por monitores formados en Educación Ambiental.