Concello da Coruña

Concello da Coruña
SX

A Coruña celebrou onte a noite de San Xoán

O dispositivo de emerxencias pola festa de San Xoán realizou 152 asistencias, 32 menos que as efectuadas o ano pasado

Máis de 190.000 persoas asistiron ás celebracións da pasada noite nas praias e rúas da Coruña

Os servizos de limpeza recolleron 44 toneladas de lixo, 13 menos que no San Xoán do 2024

Cando:

24 de xuño de 2025

A festa de San Xoán rematou cun balance de 152 asistencias, 32 menos que as contabilizadas o ano pasado. Son os datos facilitados pola Cruz Vermella e Protección Civil tras o peche do dispositivo posto en marcha onte con vistas ás celebracións da pasada noite na cidade da Coruña.

En total, os servizos de seguridade e emerxencias contabilizaron 27 mobilizacións de ambulancia, das que sete foron altas in situ. Dos 20 traslados restantes, nove foron derivados ao centro hospitalario de referencia, un deles con pronóstico reservado debido a unha caída desde altura.

A meirande parte das intervencións foron por queimaduras, un total de 44. Tamén se rexistraron 33 intoxicacións etílicas e constan outros 24 partes por cefaleas, mareos ou indisposicións. 

Por outra banda, os puntos violeta que operaron nesta edición do San Xoán proporcionaron información a máis de 1.100 persoas (537 mulleres e 593 homes), sen rexistrarse denuncias por violencia sexual e outras violencias machistas.

A alcaldesa, Inés Rey, que visitou onte o posto de mando central habilitado na contorna da Coiraza do Orzán, amosou hoxe o seu agradecemento ás persoas que integraron os servizos de emerxencia: "O seu traballo é fundamental para asistir e coidar da cidadanía. Máis se cabe, no contexto de eventos multitudinarios como o San Xoán, que segundo os cálculos efectuados onte á noite polas forzas de seguridade congregou a máis de 190.000 persoas nas rúas e as praias".

En total, máis dun milleiro de persoas integraron o dispositivo de seguridade e de limpeza previsto polo San Xoán. No caso da limpeza dos areais, os traballos axilizáronse de tal forma que ás 10.30 horas desta mañá Riazor xa estaba limpo e volvía a haber bañistas nas praias. Cara ás 14.00 horas tamén estará lista a praia do Orzán, dúas horas antes que o ano pasado.

Neste San Xoán, os servizos municipais levan recollidas 44 toneladas, 13 menos que na festa do 2024.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión