Concello da Coruña

Concello da Coruña
resis

A concelleira de Igualdade, Nereida Canosa, o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, e a poeta Yolanda Castaño presentaron hoxe na Residencia Literaria 1863 a primeira Bolsa de Residencia de Conciliación para nais escritoras.

O Concello da Coruña abre mañá o prazo para optar á primeira Residencia de Conciliación para nais escritoras

O programa, en colaboración coa Residencia Literaria 1863, ofrecerá en agosto unha bolsa que cubre viaxe, estadía e un servizo municipal de coidado para un/ha menor, dirixida a autoras con fillos ou fillas nados entre 2013 e 2021

Cando:

2 de maio de 2025

A Residencia Literaria 1863 acolleu esta mañá a presentación da Bolsa de Residencia de Conciliación para nais escritoras (ou principais coidadoras), unha iniciativa pioneira impulsada polas concellarías de Benestar Social, Igualdade e Participación e de Cultura, en colaboración coa Residencia Literaria 1863. Durante o acto, a concelleira de Igualdade, Nereida Canosa, subliñou que "ser nai e ser escritora non poden seguir sendo camiños incompatibles; con esta bolsa garantimos tempo creativo e apoio real aos coidados", mentres que o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, destacou que o proxecto "reforza o compromiso da cidade cunha cultura accesible e transformadora". A poeta Yolanda Castaño cualificou a residencia como "un faro para que a palabra feminina floreza con plenitude".

A convocatoria, que se publicará mañá na web municipal, permite presentar solicitudes desde as 09.00 h do 3 de maio ata as 22.00 h do 31 de maio. Poderán concorrer escritoras maiores de 18 anos con, cando menos, dous libros publicados e que sexan coidadoras principais dun/ha menor nado/a entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2021. A persoa seleccionada desfrutará dunha estadía do 1 ao 30 de agosto de 2025 na Residencia 1863, cunha bolsa que cobre desprazamento, aloxamento, manutención entre outros, así como o traslado e coidado dun dos seus fillos ou fillas. O menor disporá, de balde, dun servizo municipal de conciliación cun horario mínimo garantido de 09.00 a 14.30 h.

As candidatas deberán enviar por correo electrónico o seu currículo, un proxecto literario que inclúa perspectiva de xénero e da ética dos coidados, unha carta de motivación e un dossier de obra, seguindo as indicacións das bases. Un comité de valoración, integrado por profesionais da creación literaria e da igualdade, seleccionará unha beneficiaria e unha suplente en función da calidade, a viabilidade e a sensibilidade do proxecto presentado.

"A Coruña continúa a abrir vieiros que unen igualdade e cultura, situándonos á vangarda en políticas públicas con perspectiva de xénero", sinalou Nereida Canosa, quen animou a todas as autoras con responsabilidades de coidado a participar nesta convocatoria "e a facer da súa voz literaria un dereito plenamente exercido". A promoción da conciliación enmárcase dentro das políticas sociais potenciadas polo Goberno de Inés Rey durante os dous últimos mandatos. 

O Concello convida ás interesadas a consultar as bases e a presentar a súa solicitude a través da sede electrónica municipal. Toda a información e as bases están dispoñibles na web municipal e no descargable ao final da páxina.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ AS BASES DA CONVOCATORIA (135 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión