Imaxe de arquivo das festas do Barrio das Flores
Un total de 22 entidades disporán de 408.000 euros para a celebración das súas festas patronais
2 de maio de 2025
O Concello acaba de conceder a 22 entidades veciñais un total de 408.000 euros que se destinarán a organizar e celebrabrar das festas tradicionais de cada barrio. O Concello abriu este ano un novo sistema, en concorrencia competitiva, para que todas as asociacións solicitasen ata un máximo de 20.000 euros cada unha para organizar as súas festas.
A Concellaría de Cultura e Turismo concedeu finalmente o 100% dos fondos solicitados por todas e cada unha das entidades para a organización dos eventos. Só houbo dous casos nos que foron rexeitadas parcialmente as solicitudes, porque ambas incumprían as bases: unha delas por solicitar fondos a maiores para unha festa no Nadal e outra por pedilos para o San Xoán. As subvencións están deseñadas unicamente para apoiar nas festas tradicionais e patronais, e non para outro tipo de eventos.
"Coido que con esta ferramenta dotamos a todas as asociacións dos fondos necesarios para organizar as festas tradicionais de todos e cada un dos barrios, e ademais damoslles total liberdade a todas as entidades para que cada unha delas decida que contidos considera máis acaídos para as súas celebracións", indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
O Concello contou para este ano co maior orzamento aprobado até o de agora para este tipo de celebracións, 500.000 euros. Finalmente, as solicitudes das entidades sumaron 408.000 euros. Así, cada asociación poderá desenvolver integramente a programación que tiña prevista.
DESCARGA AQUÍ A TÁBOA DE SUBVENCIÓNS CONCEDIDAS POLO CONCELLO DA CORUÑA ÁS ASOCIACIÓNS (137 KB)