O barrio de Xuxán, visto desde Matogrande, nunha imaxe de arquivo
Os dous edificios teñen un prazo de execución de 36 meses e suman, no seu conxunto, un orzamento de 5,7 millóns de euros
2 de abril de 2025
O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá da concesión de dúas licenzas á cooperativa Galivivienda para acometer a construción de 150 novas vivendas en dúas parcelas do barrio de Xuxán, vivendas que estarán destinados a alugueiros sociais.
Foi un dos asuntos máis destacados na orde do día da Xunta de Goberno Local, convocada este mércores en sesión ordinaria. Lage apuntou que, coa concesión destas dúas licenzas, "o Goberno de Inés Rey reforza a liña que está a seguir na súa política de vivenda e que contribúe a incrementar o parque de vivenda en alugueiro na cidade, especialmente o de carácter social".
O primeiro dos edificios que promove Galivivienda está situado na parcela Z27 e contará con 90 vivendas cos seus correspondentes rochos, garaxes e locais comerciais. O segundo bloque, tamén situado en Xuxán, na parcela Z40, achegará outras 60 vivendas. Os dous edificios teñen un prazo de execución de 36 meses e suman, no seu conxunto, un orzamento de 5,7 millóns de euros: 3,5 millóns o primeiro e 2,2 millóns o segundo.
Lage lembrou que, actualmente, o Concello ten en execución as obras de construción doutro bloque de 50 vivendas para alugueiro social en Xuxán, "e vimos de convocar un concurso público para destinar a ese mesmo fin outras tres parcelas das que o Concello é titular".