Grandes figuras da actuación como Lola Herrera ou María Galiana e obras premiadas como ‘Matres’ destacan na programación
7 de xullo de 2025
O Teatro Rosalía de Castro acolleu esta mañá a presentación do Ciclo Principal de Outono 2025, que contará cun total de once obras representadas entre os meses de setembro e decembro. O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou este ciclo acompañado polo director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez. O Ciclo Principal de Primavera está organizado polo Concello da Coruña e conta co apoio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
"O Goberno de Inés Rey sabe do potencial do Teatro Rosalía de Castro, un recinto referente a nivel nacional que seguirá acollendo as mellores representacións teatrais galegas e estatais, afianzando A Coruña como o gran referente cultural que é", sinalou Gonzalo Castro. O edil tamén celebrou que o teatro público municipal acadase o récord histórico de abonos na temporada de primavera, con 624 persoas.
Nesta nova edición do Ciclo Principal de Outono destaca a presenza de grandes figuras da actuación a nivel nacional como Lola Herrera, que protagoniza 'Camino a la Meca' os días 12 e 13 de setembro, no que será a primeira obra desta edición. 'Go Home' regresará aos escenarios da cidade coa figura destacada de Josito Porto, nun papel que lle valeu o recoñecemento a nivel nacional. As representacións serán o 26 e 27 de setembro.
Tamén destaca dentro da programación 'Matres', que se representará o venres 10 de outubro. Esta obra producida pola compañía Cia Campi Qui Pugui acadou distintos premios este ano, como o Premio á Mellor Autoría nos Premios Feten 2025. Un espectáculo que destacará polo seu formato será 'El Enterrador', no que Pepe Zapata invitará o público a subir ao escenario e ver desde outra perspectiva a actuación. A programación do Ciclo Principal de Outono tamén inclúe a adaptación de Ignacio del Moral e Javier Hernández-Simón da premiada película 'Los lunes al sol', de Fernando León de Aranoa, que se representará os días 12 e 13 de decembro. O ciclo pecharase o 27 de decembro cunha proposta en clave coruñesa: 'Crisálida', de Juan Rodríguez e Laura Sarasola. Esta obra explorará a memoria colectiva da cidade.
O período de renovación dos abonos abrirase o 15 de xullo e prolongarase ata o 29 de agosto, no despacho de billetes da praza de Ourense no seu horario habitual. Cada persoa abonada terá reservada a localidade que ocupou na anterior edición e manterá o seu tipo de abono: para venres ou sábado.
O prezo do abono vai de 51,75 a 117,75 euros, en función do tipo de localidade, e inclúe o acceso ás oito funcións dobres (venres e sábado) e a compra preferente cun desconto do 25% para as funcións soltas ('Matres', 'El Enterrador' e 'Crisálida'). Os/as abonados/as interesados/as en cambiar de asento, de localidade ou de día deberán renovar nos días e horarios establecidos, e poderán optar só ás localidades non ocupadas por outras persoas abonadas. Para acceder ás localidades que queden libres por non seren renovadas, as persoas interesadas deberán acudir a billeteira da praza de Ourense o día 1 de setembro.
Os días 2 e 3 de setembro abrirase o período de venda para novos abonados e o 5 de setembro ás 11.00 horas comezará a venda de entradas soltas para todos os espectáculos. Todas as funcións do ciclo serán ás 20.30, salvo 'El Enterrador', que terá unha dobre sesión ás 18.30 e 20.30 horas.
Programación do Ciclo Principal de Outono 2025