O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, asistiu á presentación das bandas que actuarán en distintas salas da cidade
5 de xuño de 2025
Do 22 de setembro ao 2 de outubro, Noites do Porto festexará o seu quinto aniversario cunha programación que se mergullará, máis que nunca, no ecosistema coruñés. O evento, pioneiro na celebración de directos nos terreos portuarios e que destaca por ofrecer actuacións exclusivas na cidade, amplía este 2025 a súa aposta pola cidade e ofrecerá máis actividades culturais e concertos que nunca; sumando máis xornadas, espazos e novas cápsulas ao seu programa para integrar, definitivamente, outras disciplinas artísticas.
Noites do Porto, que conta coa colaboración do Concello da Coruña, é coñecido desde o seu nacemento tanto por ofrecer directos únicos e exclusivos como pola súa variedade estilística. Presentacións de discos, peches de xiras ou, mesmo, estreas de shows foron a identidade dun evento diferente e no que prima a calidade musical. Polo festival, ao longo destas edicións, pasaron nomes locais e internacionais como Alcalá Norte, Bad Gyal, Baiuca, Bala, Bernard Butler, Califato ¾, Delaossa, Derby Motoreta's Burrito Kachimba, James Rhodes, Jorge Drexler, La Perra Blanco, La Plazuela, Morgan, Mudhoney, M. Ward, Rocío Luna, Rodrigo Cuevas, Sen Senra ou Xoel López, entre outros nomes.
Este xoves déronse a coñecer os primeiros nomes que formarán parte da programación da quinta edición de Noites do Porto, nun acto no que estivo presente o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. "Desde o Goberno de Inés Rey apostamos pola ampla variedade cultural que aportan á cidade eventos como Noites do Porto, que con só un lustro de traxectoria xa ofreceu actuacións memorables", indicou Castro.
Entre as primeiras confirmacións destaca a presenza de Israel Fernández, o artista flamenco máis relevante do momento en España, que inaugurará a participación do Teatro Colón no festival; de Deadletter, na que será a única data en 2025 en Galicia da banda chamada a ocupar o trono de formacións como Fontaines DC ou Idles; ou de dous das estrelas máis brillantes da escena do jazz no Reino Unido: a trompetista Yazz Ahmed e a saxofonista Jasmine Myra.
Entre as primeiras confirmacións tamén hai espazo para estilos arraigados en Noites do Porto, como é a música urbana e o hip-hop, e que nesta ocasión contará con Sho-Hai (un dos fundadores de Violadores do Verso), na que será a súa única data en Galicia este ano; e, por primeira vez, haberá espazo para o soul e garage ao incorporar no cartel a Michelle David & The True Tones e The Gruesomes.
A venda de entradas para os primeiros concertos de Noites do Porto, que este 2025 celebra o seu quinto aniversario, sairán á venda o vindeiro luns, 9 de xuño, a partir das 11.00 horas, nas plataformas en liña Ataquilla e Ticketmaster. No caso dos tickets para gozar do directo de Israel Fernández (que poñerá o broche de ouro ao festival o xoves 2 de outubro no Teatro Colón), a data de activación da venda darase a coñecer proximamente.
Más xornadas e novas cápsulas
Ademais das salas de concertos, o festival estreita os seus lazos con Cormorán Film Fest -que dará pé a novas estreas exclusivas na Coruña e en Galicia de pezas documentais vinculadas á música- coa creación de Noites de Cinema, e coas artes plásticas e con Coruña Gráfica a través de Noites coa Arte, que suporá que, por segundo ano consecutivo, unha artista local interprete o cartel final do evento -cuxas reproducións, nunha serie limitada- poñeranse á venda co apoio do festival-.
Na quinta edición de Noites do Porto consolídase a cápsula de Noites de Flamenco e Jazz, que este ano se celebrará entre o Jazz Filloa e o Teatro Colón; pero tamén hai espazo para as novidades. Entre elas destaca a incorporación da gastronomía ás Noites nos Bares, as noites nas que djs e selectores actúan en locais da cidade vinculados á cultura.