Unha persoa usuaria de BiciCoruña, ao seu paso polo Paseo Marítimo en Riazor
A piques de cumprirse o terceiro aniversario desde que renovou o servizo e a súa frota de vehículos, tamén se rexistran novos picos no referente aos usos diarios: o 26 de xuño foron 7.004, a cifra máis alta rexistrada nun día
1 de xullo de 2025
Novos récords para o servizo municipal BiciCoruña, que en xuño superou, por primeira vez, os 160.000 usos nun mesmo mes (164.728), unha cifra inédita que deixa atrás os 143.201 usos contabilizados en setembro do 2023.
Así o reflicten os últimos datos recollidos polo Concello neste inicio da tempada estival, que amosan a tendencia á alza de BiciCoruña con respecto aos usos mensuais e tamén no día a día, xa que o pasado 26 de xuño tamén se bateu o pico de usos diarios. Foron 7.004 as viaxes efectuadas esa xornada, o que deixa atrás o récord previo (6.330 en outubro de 2023).
A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, apuntou que "este incremento é habitual coa chegada do verán, mais ano tras ano imos vendo que o número de usos medra independentemente do contexto estacional, tamén no inverno, e iso avala as medidas do Goberno de Inés Rey para asentar e reforzar iniciativas de mobilidade sostible na cidade".
Díaz lembrou que, en paralelo a estas medidas, o Concello tamén está a ultimar a nova ordenanza de mobilidade sostible, que unificará a normativa municipal e acoutará os espazos de paso de bicicletas e VMP motorizados. O texto aprobouse inicialmente no Pleno de xuño.
A mediados de xullo cumpriranse tres anos desde a renovación do servizo
Estes novos récords no servizo municipal BiciCoruña chegan cando estamos a piques de cumprirse tres anos desde que o Goberno de Inés Rey completou a primeira renovación do servizo municipal BiciCoruña, o 12 de xullo de 2022.
Agora, con 49 bases dispoñibles e 15.122 persoas usuarias activas, o Concello está inmerso nunha nova fase de expansión, que inclúe a instalación e posta en servizo doutras 30 bases nos diversos barrios da cidade.
Nestas últimas semanas, os servizos municipais están a traballar en puntos como O Castrillón, Lonzas, Novo Mesoiro, o Barrio das Flores, Monelos, Monte Alto, Pedralonga, Palavea e Os Rosales, tamén nos parques de Bens e Vioño. "Son enclaves onde está previsto habilitar novas estacións e, pouco a pouco, avanzamos para que estean operativas tan pronto sexa posible", apuntou Noemí Díaz.
A concelleira lembrou que a posta en servizo das bases é un proceso progresivo e que inclúe moitos matices. "Por exemplo, se é preciso executar obra civil ou se hai conexións e abastecemento eléctrico preto. Isto é o que condiciona, en ocasións, a localización definitiva da estación e tamén os prazos para poñelas a disposición da cidadanía", razoou.