O centro cívico dos Mallos acolleu hoxe un encontro informativo sobre o barrio
A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe á veciñanza do barrio dos avances nas intervencións de mellora que se están a executar no distrito, que inclúen a construción da nova conexión coa avenida de Arteixo
15 de xullo de 2025
O centro cívico dos Mallos acolleu hoxe un encontro informativo no que a alcaldesa, Inés Rey, e a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, deron conta á veciñanza do barrio das principais actuacións de mellora que se están a desenvolver no distrito, ao abeiro da construción da estación intermodal.
No encontro explicáronse as cuestións máis técnicas dos traballos, "que, como é lóxico, debemos precisar ás persoas que residen nos Mallos e a Sardiñeira para solventar calquera pregunta ou dúbida que houbese ao respecto", razoou Rey.
Un dos eixos clave do acto desta tarde foi notificar ás veciñas e veciños a próxima reconfiguración dos sentidos de circulación en catro rúas do barrio: Francisco Catoira, Mariana Pineda, Borrallón e San Rosendo. Neste último caso, en só un treito da mesma.
Despois de que a avenida da Sardiñeira, actualmente en fase de reurbanización, pasase a ser de sentido único cara á rolda de Outeiro -e ante a imposibilidade de xirar desde a rolda cara a propia avenida-, o Concello estudiou posibilidades para garantir novos accesos de entrada ao barrio e, desta forma, gañar conectividade interior e máis permeabilidade do tráfico rodado polos Mallos e a Sardiñeira, facilitando así a circulación das e dos residentes.
Tras avaliar as opcións viables, determinouse que a rúa Francisco Catoira cambiará totalmente de sentido e será unha das novas portas de acceso desde a rolda de Outeiro en sentido de baixada, sumándose así á rúa San Luis, desde a que xa era posible internarse no barrio con vehículos.
Ademais, cambiaranse de sentido as rúas Mariana Pineda e Borrallón, tamén un treito de San Rosendo, para mellorar a conectividade e os fluxos de tráfico.
"Ao converter Sardiñeira en sentido único, rediríxese parte do fluxo a unha rúa paralela, que é Francisco Catoira, que cambia o seu sentido para manter a conectividade. Ademais, aumentamos a conectividade interna ao cambiar de sentido Mariana Pineda e un treito de San Rosendo, ofrecendo a posibilidade dun fluxo xiratorio. E, por outra banda, teremos máis permeabilidade viaria, xa que este cambio facilita o acceso desde rúas externas ao interior do barrio", precisou a concelleira Noemí Díaz.
Non haberá interacción entre persoas viandantes e ciclistas
Outra das cuestións que suscitaron a interese da veciñanza é a disposición do novo carril-bici que discurrirá ao longo da avenida da Sardiñeira. Tal e como se expuxo esta tarde, a súa ubicación -na beira máis próxima aos bloques de vivendas- ten as súas razóns de ser: osixenar os accesos aos bloques residenciais, gañar máis accesibilidade nas beirarrúas, tamén máis visibilidade na saída de vados e garaxes e, de paso, afastar os vehículos das saídas das vivendas
"Un aspecto moi importante é que carril-bici e beirarrúa non compartirán o mesmo espazo, senón que estarán en plataformas diferentes e a distinto nivel. Isto quere dicir que non haberá interacción entre persoas viandantes e ciclistas e persoas usuarias de VMP", explicou a concelleira Noemí Díaz. A futura ordenanza de mobilidade sostible -aprobada por agora inicialmente- xa estipula que as as bicicletas usarán o carril bici. Senón, irán pola calzada. O que non poderán facer é circular por beirarrúas e vías peonís, por seguridade peonil.
Ademais, hoxe tamén se precisou por que o estacionamento de vehículos na avenida da Sardiñeira se delimitará na beira máis próxima á intermodal.
"Gáñanse máis prazas en batería en comparación coa beira próxima ás vivendas. E, ademais, é importante insistir en que queremos gañar seguridade viaria na beira residencial. Se o estacionamento se ubica na beira da intermodal, os vehículos que saen do interior do barrio gañan máis visibilidade e seguridade", razoou Noemí Díaz.
Non se perderá estacionamento entre a escola infantil e o pavillón
Noutra orde de asuntos, na reunión tamén se recalcou que a construción do novo vial de conexión entre a Sardiñeira e a avenida de Arteixo, que se está a executar na Agra dos Mallos, non suporá a perda do estacionamento na explanada que hai entre a escola infantil e pavillón polideportivo.
Os traballos, que contan cun investimento de 2,1 millóns de euros, permitirán gañar unha conexión necesaria no barrio, que non existía ata agora. "Unha conexión que facilitará a segregación do tráfico específico que vai en dirección á intermodal. Ademais, permitirá adecentar este enclave e gañar espazos públicos: beirarrúas que, en parte, xa son visibles, un novo treito de carril-bici e un novo acceso, que tampouco existía ata agora, á explanada de estacionamento", detallou Noemí Díaz.
As prazas de estacionamento entre a escola infantil e o pavillón polideportivo seguirán estando habilitadas. E haberá prazas ao longo do novo vial, en batería.
"É unha solución equilibrada: dá resposta ás necesidades de novas conexións coa intermodal e coa avenida de Arteixo nunha das principais portas de acceso á cidade", concretou a alcaldesa, Inés Rey.