Xixón acolle estes días a asemblea xeral da rede Atlantic Cities
As alcaldesas e alcaldes participantes asinaron a Declaración de Gijón 2025, que marca a axenda común cara á transición ecolóxica, a economía azul e a cohesión territorial
15 de maio de 2025
No marco do 25º aniversario da Rede de Cidades Atlánticas, Atlantic Cities, a cidade de Gijón/Xixón acolleu a Asemblea Xeral 2025 que reuniu a representantes de diferentes cidades europeas. A alcaldesa, Inés Rey, que preside a rede dende setembro de 2024 liderou o cumio que reuniu representantes de Donostia / San Sebastián, Faro, Bilbao, Santander, Viana do Castelo e Brest, co obxectivo de compartir políticas locais para protexer o litoral e impulsar novas formas de desenvolvemento sostible.
Durante o encontro, as cidades participantes subscribiron a Declaración de Gijón 2025, un documento estratéxico que reforza o compromiso conxunto co futuro do espazo atlántico europeo. "A declaración aposta por transformar as cidades desde o mar, promovendo a economía azul, a resiliencia climática, a planificación urbana sostible, a igualdade e a cohesión territorial" sinalou a alcaldesa. Así mesmo, comprometéronse a continuar traballando xuntas coa protección do Atlántico como eixe fundamental.
A asemblea contou cunha mesa de alcaldesas e alcaldes centrada no lema "O Atlántico: un océano de oportunidades" na que Rey presentou Coruña Marítima como o maior proxecto de transformación urbana das últimas décadas en Galicia: "A fachada marítima da Coruña é un espazo estratéxico que permitirá crear abrir novos espazos públicos á cidadanía, consolidar zonas verdes e impulsar sectores clave da economía azul como a pesca, a náutica e a biotecnoloxía mariña" sinalou.
Rey subliñou o carácter participado do proceso, con máis de 700 achegas cidadás e cinco talleres abertos e puxo en valor o proxecto como un modelo de cooperación e traballo conxunto entre administracións. "Coruña Marítima é un proxecto de cidade, pero tamén unha proposta que fala da nova Europa atlántica: conectada, verde, innovadora e social", afirmou. Nese sentido, a alcaldesa compartiu co resto de rexedores e rexedoras a importancia da planificación urbana na conservación dos ecosistemas, con proxectos que avanzan na renaturalización de barrios e a recuperación de espazos degradados mediante criterios de infraestrutura verde e drenaxe sostible.
A sesión contou tamén coas intervencións da alcaldesa de Gijón, Carmen Moriyón; o alcalde de Donostia, Eneko Goia; o alcalde de Faro, Rogério Bacalhau; o alcalde de Bilbao, Juan María Aburto; e representantes de Santander, Viana do Castelo e Brest, que coincidiron na necesidade de reforzar a cooperación territorial atlántica e o papel das cidades na nova axenda europea.