Concello da Coruña

Concello da Coruña
Picadillo

O concelleiro Gonzalo Castro participou hoxe na presentación do concurso de tapas Picadillo

Arrinca a XXI edición do concurso de tapas Picadillo con 25 elaboracións diferentes a degustar ata o 28 de decembro

O certame gastronómico máis antigo de Galicia contará con 22 establecementos participantes

Cando:

18 de decembro de 2025

O Concello da Coruña pon en marcha a XXI edición do Concurso de Tapas Picadillo co obxectivo de dinamizar e promocionar a oferta turística gastronómica da cidade, poñendo en valor a creatividade culinaria local, os produtos galegos e de km 0 e apoiar ao sector hostaleiro.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou aos 22 locais participantes e as 25 elaboracións nun acto celebrado na cervexería Malte Galera, que o pasado ano recibiu unha mención especial no concurso.

Esta iniciativa non deixa de ser unha homenaxe anual á figura do alcalde Picadillo, o gran defensor da cociña local e impulsor do turismo gastronómico, e que este ano coincide coas festas do Nadal, precisamente unha das épocas do ano que xunta máis clientes nos locais hostaleiros da cidade. "Un dos piares da estratexia turística marcada pola nosa alcaldesa, Inés Rey, é a gastronomía da cidade e desde o Concello continuamos impulsando iniciativas que favorezan o coñecemento dos diferentes negocios do sector", indicou Castro.

O certame gastronómico, o máis antigo de estas características en Galicia, desenvolverase dende hoxe e ata o próximo de 28 de decembro e contará coa participación de 22 locais e 25 elaboracións. Na web www.tapaspicadillo.es figuran polo miúdo todas as tapas do concurso cos características de elaboración e ingredientes, incluídas as aptas para persoas veganas, así como os horarios de degustación nos locais participantes.

Repartiranse por todos os locais e lugares de pública afluencia os folletos das tres rutas de tapas para dinamizar tamén un plan de paseo pola cidade nestas datas do Nadal coas fotos das tapas e a localización dos locais. Durante 10 días, os establecementos participantes terán a disposición do público as tapas do concurso: 12 na categoría de "Tapa Recitario Picadillo" e 13 máis na de  "Tapa Creativa". 

Todas elas están inspiradas na obra "A Cociña práctica", o gran manual da cociña tradicional galega, no que Picadillo recreou receitas, anécdotas culinarias e por suposto menús de Nadal. 

Para facilitar o desenvolvemento do concurso, cada un dos locais participantes disporá dun cartel coas fotografías das tapas coas que concursan, e un código QR con toda a información relativa aos ingredientes e técnicas de elaboración. O prezo das tapas para o público será de 3 a 5 euros.

Xurado e premios

Participarán dous xurados profesionais en dúas fases diferenciadas. Na primeira, 4 xuíces recorrerán os locais degustando as distintas creacións e ditaminarán aquelas que pasarán á fase final. Un novo xurado de 5 recoñecidos expertos gastronómicos e no que participará Chau Fernández- Gago Puga, neta de Picadillo, ditaminará a tapa ganadora en cada unha das modalidades.

Haberá tamén premio para a tapa que reciba o maior número de votos do público, que poderá participar votando a través do código QR que estará dispoñible e visible en distintos puntos de cada establecemento. O público participante entrará nun sorteo público de diversos  premios cuxo resultados se anunciarán na web do concurso. 

A calidade dos ingredientes, esencia da cociña atlántica, dará vida a esta experiencia gastronómica, que de seguro animará a cidadáns e visitantes a probar e votar ás mellores receitas.

Documentos:

DESCARGA AQUÍ o folleto informativo do concurso de tapas Picadillo 2025 (1 MB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión