“A música está presente nas críticas sociais e políticas de Quino como símbolo de liberdade ou como contrapunto poético ao absurdo do mundo”, sinalou Rey
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu a apertura da exposición, aberta desde hoxe ao público en Palexco
16 de xuño de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta tarde a apertura da mostra 'Quino na música', unha exposición que afonda na faceta melómana do autor arxentino a través de máis dun cento de pezas orixinais que van desde os seus primeiros traballos nos anos cincuenta ata as súas últimas obras, nos noventa. Xunto á rexedora tamén estivo presente o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro. Falaron durante o acto Guillermo Lavado, que xunto a Judith Gociol é o comisario desta mostra, Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Javier Bonet, primeiro tenente de alcalde de Palma de Mallorca e Víctor Martiñán, director de activación Iberia de Hijos de Rivera.
A exposición 'Quino na música' rende homenaxe á notable intersección entre a arte do soado debuxante arxentino Joaquín Salvador Lavado Tejón, coñecido como Quino, e a música. A través dunha coidada selección de obras, esta mostra explora como a música foi unha fonte inesgotable de inspiración para o artista, reflectindo a súa aguda observación da sociedade e a súa ironía característica. "A música está moi presente nas críticas sociais e políticas de Quino como símbolo de liberdade ou como contrapunto poético ao absurdo do mundo", sinalou Inés Rey durante a súa intervención.
Desde os seus comezos, Quino publicou traballos que tiñan ligazón directa coa música, ata o punto de que ese foi un dos temas clave do seu universo gráfico. Como gran melómano que era, a música forma parte importante da súa obra: desde o pop (o amor de Mafalda polos Beatles) ata a música clásica, da que el mesmo era un grande afeccionado.
Porén, este aspecto nunca fora recompilado especificamente en ningún dos numerosos libros temáticos que se editaron da súa obra, nin fora seleccionado para ser exposto como conxunto de debuxos orixinais, tal e como ocorre aquí por primeira vez. "Esta exposición é unha homenaxe ao Quino que todos coñecemos, pero tamén unha descuberta do Quino melómano, irónico e apaixonado pola arte musical, e é, sen dúbida, unha das exposicións máis completas e ambiciosas que se fixeron nunca arredor da súa obra", sinalou Inés Rey.
Esta mostra ten como comisarios a Judith Gociol, experta en Quino, e a Guillermo Lavado, músico profesional e sobriño do autor. 'Quino na música' é a exposición máis importante de orixinais do autor realizada ata o de agora en todo o mundo. Reúne páxinas e viñetas de humor e unha sección dedicada a Mafalda. Foi producida para o festival Còmic Nostrum de Palma de Mallorca e chega por primeira veza a Galicia da man do Viñetas desde o Atlántico. O director de Viñetas, Manel Cráneo, comezou as xestións hai ano e medio para que A Coruña fose a primeira cidade peninsular en acoller esta mostra dentro do ámbito do festival.
Inés Rey puxo en valor o papel do Viñetas para atraer á cidade ao mellor da banda deseñada global e o seu novo carácter descentralizado. "Un festival que é símbolo da Coruña como cidade aberta á creatividade, ao talento e ao pensamento crítico. Viñetas converteuse desde a súa orixe nun dos encontros máis importantes do cómic a nivel internacional, traendo a Galicia autores e autoras de todo o mundo, e enchendo as nosas rúas de viñetas, de cor e de historias", indicou Rey.