O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de presentación da quinta edición do programa ‘A Coruña é Vólei Praia’.
Xa se están a ultimar os preparativos para acoller o Campionato Galego Sénior e o IV Trofeo Cidade da Coruña, incluído no Circuíto Nacional de Vólei Praia. As dúas citas terán lugar na praia de Riazor.
9 de xullo de 2025
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de presentación da quinta edición do programa 'A Coruña é Vólei Praia', unha iniciativa na que o Concello colabora coa Federación Galega de Voleibol para reunir na praia do Riazor unha das citas deportivas estivais máis esperadas que reúne as e os mellores xogadores da modalidade.
As competicións previstas arrincarán esta fin de semana. Concretamente, o sábado 12 e o domingo 13 de xullo, cando terá lugar a competición do IV Trofeo Cidade da Coruña, unha proba incluída no Circuito Nacional de Vólei Praia e na que está prevista a participación doutro cento de profesionais do vólei praia. Será, unha vez máis, na praia de Riazor, con partidos tanto o sábado, en horario de mañá e tarde, coma o domingo, en horario matinal.
Xa a vindeira semana, entre os días 19 e 20 de xullo, será cando terá lugar o Campionato Galego Sénior, coa participación tamén de case un cento de deportistas tanto en modalidade feminina coma masculina.
Manuel Vázquez puxo en valor o compromiso do Goberno de Inés Rey para posicionar A Coruña como unha cidade de referencia a respecto ao desenvolvemento de eventos deportivos en espazos naturais, "A Coruña é Volei Praia xa é un clásico estival que se converteu nunha cita moi esperada polo público que volverá a encher as gradas da praia de Riazor. Este torneo define á perfección a idea da nosa alcaldesa de aproveitar as localizacións ao aire libre para fomentar a práctica do deporte e os hábitos saudables, visibilizando disciplinas en auxe coma o vólei praia e achegándoas á cidadanía, tanto a persoas adultas coma a máis pequenas".
No acto de presentación de 'A Coruña é Vólei Praia' tamén participaron: José Ángel Luna (presidente da Federación Galega de Voleibol); José Luis Fernández (director de Comunicación de Gadisa); Tania Cobos (representante do A.D. Liceo); Nicolau Santos (CV Zalaeta); Luis Miguel Fernánde (CV Ciudad de A Coruña) e Sebastián Fernández (Coruña Beach Club).