Concello da Coruña

Concello da Coruña
fhadgh

A Coruña, capital mundial da animación e dos efectos visuais coa nova edición do congreso Mundos Dixitais, que terá lugar na cidade entre o 3 e o 5 de xullo

Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo, participou esta mañá no acto de presentación do congreso, celebrado na Cidade das TIC

Máis de 70 poñentes, a escala nacional e internacional, compartirán os seus proxectos ante o público asistente, que terá ante si ao equipo de efectos visuais e produción virtual da plataforma Netflix

Cando:

16 de xuño de 2025

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou este luns no acto de presentación da nova edición de Mundos Dixitais, o Congreso Internacional de Animación, Efectos Visuais e Novos Media, que volverá á Coruña entre o 3 e o 5 de xullo, con actividades xa programadas no Palexco ao longo de tres días consecutivos.

No acto desta mañá, celebrado no plató virtual Coruña Estudio Inmersivo da Cidade das TIC, Castro puxo en valor a evolución de Mundos Dixitais, con máis de dúas décadas de percorrido tras de si e que este ano abordará campos tan diversos como a animación, os efectos visuais, a intelixencia artificial, a produción virtual, os videoxogos e os novos medios.

"De cuestións como o desenvolvemento da IA falábase ata hai pouco en clave de futuro. E non, xa é o presente e na Coruña, grazas ao esforzo do Goberno de Inés Rey para conseguir a AESIA e, ademais, o pulo que estamos a dar á Cidade das TIC en Pedralonga, temos unha posición privilexiada para reunir aos mellores expertos e profesionais deste eido. Mundos Dixitais é un exemplo disto", apuntou Castro.

Profesionais da plataforma Netflix, no congreso deste ano

A produción virtual será un dos piares fundamentais que sustentará a programación desta edición, na que tomarán parte preto de 70 ponentes, nacionais e internacionais.

Haberá tempo para coñecer polo miúdo ao equipo de efectos visuais e produción virtual da plataforma Netflix, coincidindo co décimo aniversario da compañía en España.

E, por outra banda, no congreso presentarase oficialmente a AI Assemble, unha asociación que agrupa a profesionais, empresas e institucións vinculadas á IA e que naceu a partir dunha iniciativa de Mundos Dixitais.

Ademais, no contexto desta edición de Mundos Dixitais tamén se homenaxeará ao director Tim Miller, responsable de producións como Deadpool e Terminator: Dark fate. Miller será galardoado co Premio Especial do congreso.

En paralelo ás ponencias e homenaxes, desenvolverase unha feira de emprego, unha iniciativa xa habitual nos días de celebración do congreso.

Ademais de Gonzalo Castro, no acto desta mañá participaron o director da AGADIC, Jacobo Sutil, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o director e fundador do congreso Mundos Dixitais, Manuel Meijide.

Toda a información sobre a nova edición do congreso Mundos Dixitais pode consultarse a través desta ligazón, coa programación completa.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión