Concello da Coruña

Concello da Coruña
compo.marte.m.alto

Imaxe de arquivo do minipunto limpo no Campo de Marte en Monte Alto

O Concello instalará catro novos puntos limpos de proximidade nos barrios da cidade

Con estes novos equipamentos, a cidade contará con 11 minipuntos limpos destinados á recollida de residuos domésticos de difícil reciclaxe

Cando:

3 de maio de 2025

A rede de minipuntos limpos da Coruña amplíase coa incorporación de catro novos colectores de proximidade que se suman aos xa instalados en Monte Alto, Os Rosales, Agra do Orzán, Novo Mesoiro, Os Castros, Os Mallos e Palavea. A implantación destes novos dispositivos permitirá alcanzar os once equipamentos destinados á recollida de residuos domésticos de pequeno tamaño e complexa xestión ambiental.

O impulso dado desde o Goberno de Inés Rey á reciclaxe destes materiais permite ofrecerlle á veciñanza unha alternativa eficaz para o depósito de elementos como bolígrafos e material de escritura, cartuchos de tinta, pequenos RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos), pilas, cápsulas de café e lámpadas, entre outros.

A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, puxo en valor a utilidade destes puntos e o compromiso veciñal coa reciclaxe: "En 2024 recolléronse un total de 5.760 quilos destes residuos, 840 quilos máis que en 2023, evitouse así que acaben no vertedoiro e favorecendo a súa reciclaxe e reutilización". Neira salientou tamén que estes residuos, a pesar de seren reciclables, "requiren un tratamento máis complexo e custoso", motivo polo que este tipo de infraestrutura resulta esencial para avanzar na xestión sostible dos residuos.

Cada novo colector supón un investimento de 3.375 euros, dos cales o 90 % está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGeneration EU, no marco das axudas da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

O traballo realizado continúa así fortalecendo a rede de recollida de residuos perigosos, contaminantes ou de difícil reciclaxe da cidade, que ademais dos minipuntos de barrio inclúe dous puntos limpos urbanos (nos Rosales e en Eirís), dous equipamentos en polígonos industriais (Pocomaco e A Grela) e o Punto Limpo Móbil.

Os novos colectores incorporan sete compartimentos internos que permiten manter separados os diferentes tipos de residuos. A súa estrutura garante a protección fronte á auga, evitando que elemento como o mercurio das pilas de botón, o chumbo dos RAEEs ou as tintas dos cartuchos de impresora entren en contacto con outros materiais ou co medio natural. 

A ampliación da rede de minipuntos limpos enmárcase dentro da aposta do Concello pola sostibilidade e a mellora da calidade ambiental nos barrios, consolida un modelo de cidade comprometida coa reciclaxe e a economía circular.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión