Inés Rey e José Manuel Lage, na rolda de prensa desta mañá
A alcaldesa, Inés Rey, e o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, expuxeron hoxe os detalles do estudo e os datos, que se actualizarán cada ano, das 104 concesións que xeran actividades económicas
25 de xuño de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, informou esta mañá de que o Concello vén de aprobar unha instrución específica para ordear as concesións municipais, que se farán públicas por primeira vez na Coruña para que a cidadanía, ou calquera persoa interesada na cuestión, poida consultar os bens municipais así como a empresa que os xestiona.
"As concesións son patrimonio de todas as coruñesas e coruñeses. Por iso, entendemos fundamental que haxa un rexistro público e actualizado de todas elas, ano tras ano", razoou a rexedora, que cifrou en 170 as concesións municipais. A meirande parte delas xeran actividade económica, mais tamén hai cesións gratuítas que o Concello fai a entidades sociais. Neste caso específico, máis dunha trintena.
O Concello, nun exercicio de transparencia, irá actualizando e ampliando os datos sobre todas as concesións públicas, tanto as suxeitas a canon como as que son de balde.
Na rolda de prensa deste mércores, Rey estivo acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, que lembrou que "cada unha destas concesións -cando non é cesión gratuíta para fins sociais- ofrece un servizo mais é tamén unha fonte de recursos económicos para o Concello e, en consecuencia, unha vía para financiar servizos públicos municipais que teñen un beneficio directo sobre as veciñas e veciños".
Ordear o patrimonio municipal e abrilo á cidadanía para a súa consulta
O voceiro do Goberno municipal apuntou esta mañá que, ata a actualidade, o Concello non contaba con ningún tipo de base de datos, arquivo ou relación detallada das concesións de titularidade municipal. Todas elas atopábanse dispersas, algunhas delas, as máis antigas, mesmo sen datos actualizados "e ás veces incluso non foi fácil dar cos actuais concesionarios porque ao longo dos anos algunhas foron cambiando de mans".
Neste sentido, a nova instrución sobre as concesións municipais, aprobada hoxe na Xunta de Goberno Local, estipula que cada unha delas deberá actualizar a súa información anualmente. Ademais, a listaxe será exposta ao público por primeira vez para a súa consulta.
Ademais, as e os concesionarios terán a obriga de aportar información específica e detallada sobre o estado dos bens que xestionan, facilitando o control municipal do cumprimento dos termos das concesións, das normativas aplicables e, por suposto, das obrigas económicas de cada concesión, establecendo a potestade do Concello de recuperar as concesións para sacalas de novo a concurso en casos de incumprimentos.
A este respecto, todos os concesionarios que se atopen situación irregular pendentes de pagos terán de prazo ata o 1 de xaneiro do 2026 para poñerse ao día. De non ser así, o Concello procederá a rescatar as concesións e a licitalas de novo.
O 61% das concesións municipais xeran actividade económica
Das 170 concesións municipais hai 104 que xeran actividade económica. É dicir, o 61 % do total. Ademais, hai 36 concesións que son gratuítas para entidades sociais e outras 30, de distinto tipo, que tamén son de balde.
Entre as 104 concesións con actividade económica hai, por exemplo, 17 quioscos, 11 locais hostaleiros, 6 instalacións deportivas, 8 inmobles, 6 locais comerciais, 9 gasolineiras e 45 aparcadoiros. A meirande parte delas, case o 43% delas, son precisamente aparcadoiros, como os de Riazor, a praza de Pontevedra, os Cantóns e a praza de Galicia, entre moitos outros. Por outra banda, destas 104 concesións hai 68 coa adxudicación en vigor.
19 concesións, ademais dos quioscos, sairán a licitación entre este ano e o 2027
Destas 104 concesións que xeran actividade económica un total de 19 sairán a licitación no período 2025-2027. É o caso de instalacións deportivas como o polideportivo de San Diego e o centro deportivo do Castrillón, ou o campo de golf da Cidade Deportiva da Torre; tamén de espazos hostaleiros que o Concello busca recuperar para dar un novo pulo aos Museos Científicos, como o restaurante da Domus e a cantina do Aquarium Finisterrae.
No tocante aos quioscos, Lage explicou que "hai anos houbo un modelo estable de concesión, que hoxe está en evidente retroceso polas características dese tipo de actividade e os novos hábitos de consumo". O concelleiro avanzou esta mañá que o Concello xa está a traballar nun novo modelo de quiosco que, unha vez establecido, permitirá a súa licitación para conseguir darlle nova vida aos establecementos deste tipo que aínda quedan na Coruña".
Inés Rey apuntou que a elaboración desta base de datos das concesións municipais existentes "foi un traballo longo e complexo, nunha área na que apenas había documentación. Hoxe damos un paso esencial para que os bens públicos repercutan no público como tiña que ser desde hai moitos anos".
A nova instrución, ademais, fixa como prazo límite setembro do ano 2026 para que todas as concesións, nomeadamente os aparcamentos, cumpran as leis de accesibilidade executando as obras que sexan precisas para ese fin. De non facelo, indicou Lage, o Concello poderá iniciar os correspondentes procesos para o rescate do ben e a súa posterior saída a concurso.
Lage recordou que foi o Goberno de Inés Rey o que creou un departamento específico de Concesións, departamento que leva traballando dous anos para acadar datos veraces e actualizados sobre o estado dos bens municipais cedidos á empresas para a súa explotación económica. Eses datos permitiron xa, dentro do plan de concesións, recuperar importantes cantidades de fondos para as arcas municipais, como os 500.000 euros que aboará un establecemento en concesión en Durmideiras. Ademais, o Concello ten xa en marcha o proceso de resolución de catro aparcamentos subterráneos, os de San Cristovo, Mestre Mateo, María Pita e Praza de Galicia, que volverán ser licitados.
Tamén che pode interesar