Concello da Coruña

Concello da Coruña
picadillo

Os locais gañadores recibirán un diploma acreditativo e un premio en metálico de 1.000 euros por categoría.

O Concello abre o prazo de inscrición para a XXI edición do Concurso de Tapas Picadillo

A cita gastronómica, a máis antiga de Galicia, celebrarase do 18 ao 28 de decembro coincidindo co Nadal

Cando:

25 de novembro de 2025

O Concello da Coruña convoca unha nova edición do Concurso de Tapas Picadillo, que este ano celebra a súa XXI edición e terá lugar entre os días 18 e 28 de decembro. Trátase do certame gastronómico máis antigo de Galicia, consolidado xa como un referente na promoción da hostalaría local e na dinamización da cidade durante as festas de Nadal.

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a importancia desta iniciativa "para apoiar o sector hostaleiro e reforzar a oferta turística e cultural da cidade nestas datas, fomentando ao mesmo tempo o uso de produtos galegos e de proximidade nun formato atractivo para o público".

O prazo de inscrición estará aberto desde o 26 de novembro ata as 23.59 horas do 5 de decembro. A inscrición será gratuíta e deberá formalizarse a través do formulario dispoñible na web oficial do certame: www.tapaspicadillo.es.

O concurso contará con dúas categorías principais:

  • Tapa Creativa: propostas que destaquen pola súa innovación culinaria e técnica.
  • Tapa Receitario Picadillo: elaboracións baseadas nas receitas tradicionais galegas recollidas na obra La cocina práctica, do histórico gastrónomo coruñés Picadillo.

As tapas participantes deberán elaborarse de forma artesanal, empregando preferentemente produtos galegos con indicación xeográfica protexida ou de quilómetro cero. Ademais, promoverase a inclusión de propostas aptas para persoas celíacas, veganas ou vexetarianas, garantindo a súa seguridade alimentaria.

O prezo das tapas para o público deberá situarse entre os 3 e os 5 euros.

Establécense tres premios principais:

  • Mellor Tapa Creativa
  • Mellor Tapa Receitario Picadillo
  • Mellor Tapa por Votación Popular

Os locais gañadores recibirán un diploma acreditativo e un premio en metálico de 1.000 euros por categoría.

Todas as propostas deberán incluír unha fotografía da tapa cunhas características técnicas específicas (formato JPG, fondo branco, sen retoque externo, mínimo 1024x1024 px) para ser empregada na difusión tanto online como en soportes físicos.

As bases completas do concurso estarán dispoñibles para descarga en galego e castelán ao final da páxina web.

Documentos:

Descarga aquí as bases do concurso en galego (422 KB)

Descarga aquí las bases del concurso en castellano (402 KB)

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión