A alcaldesa, Inés Rey, na rolda de prensa desta mañá en María Pita
En torno a un 70% dos grupos e artistas que formaron parte da programación foron galegos. Entre eles, destacaron Luar na Lubre, Baiuca, Guadi Galego, Uxía e Grande Amore, entre moitos outros
A alcaldesa, Inés Rey, fixo balance esta mañá da tempada de verán, meses nos que citas como Mostrart, Viñetas desde o Atlántico e o Festival Noroeste Estrella Galicia congregaron un numeroso público
3 de setembro de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, deu conta esta mañá do balance da programación de festas e eventos culturais que tiveron lugar este verán na Coruña, que no mes grande de celebracións, agosto, congregaron máis de 800.000 persoas.
Rey, acompañada polo concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, e polo novo director da Área de Cultura, Uxío Novo, puxo en valor estes datos e o seu impacto positivo para A Coruña tanto en termos económicos como tamén de posicionamento, "sendo como somos unha cidade que está á vangarda cultural no noroeste de España".
Neste sentido, as cifras de afluencia contabilizadas en agosto foron froito tanto da programación de continuidade como de grandes eventos. Destaca o caso da feira Mostrart, celebrada en Méndez Núñez, pola que pasaron unhas 260.000 persoas que tamén aproveitaron para desfrutar da Feira do Libro e a Feira do Libro Antigo. A isto sumouse a nova edición do Viñetas desde o Atlántico, que bateu un novo récord de visitantes con 120.000 persoas. Un dato semellante ao acadado polo Festival Noroeste Estrella Galicia, que congregou 115.000 persoas en cinco días de programación.
Tamén en agosto, citas como a Batalla Naval e eventos gastronómicos como The Champions Burger exerceron de reclamo para 100.000 persoas, en ambos os casos. E nas Noites de María Pita, Bonnie Tyler, Baiuca e o espectáculo Locos por la Música foron as citas máis destacadas e con máis público.
As cifras máis destacadas en xullo: Atlantic Fest e Morriña Fest
Estes datos de agosto súmanse aos rexistrados en xullo, cando os peiraos da Coruña acolleron a nova edición do Morriña Fest (35.000 persoas espectadoras) e actuacións como as de Arde Bogotá e Leiva, con 15.000 e 12.500 espectadores/as, respectivamente.
A estas cifras engádense tamén 45.000 espectadores/as na semana de celebracións do Atlantic Pride, entre os xardíns de Méndez Núñez e a praza de Pontevedra.
Tamén os case 7.000 asistentes ao concerto de toda unha lenda do pop-rock internacional como a canadense Alanis Morissette, que actuou no Coliseum o 9 de xullo.
"En liñas xerais, é certo que as condicións meteorolóxicas foron moi favorables para a celebración dos festexos en xeral. E incluso así, en días máis complicados como foi a de Arde Bogotá, o público respondeu e, neste sentido, tamén cómpre agradecer a implicación e o compromiso da banda, que fixo un grande esforzo por seguir coa actuación nunha noite na que a choiva e o vento o puxeron moi difícil", apuntou Rey.
O Goberno de Inés Rey aposta por unha programación cultural con selo galego
Un dos datos máis destacados desta edición das festas é que un 70% dos grupos e artistas que pasaron pola cidade no contexto das celebracións foron galegos. Luar na Lubre, Baiuca, Guadi Galego, Uxía e Grande Amore foron varios dos protagonistas.
A isto sumouse a nova edición da Romaría de Santa Margarida, con 11.000 asistentes. A primeira xornada supuxo a estrea estatal do espectáculo Gala i Ovidio, con Aida Tarrío e Raül Refree sobre as táboas dun Teatro Colón cheo. "Tivemos o inconveniente da cancelación da Gran Noite do Folclore no anfiteatro do parque, por mor das desfavorables condicións meteorolóxicas", apuntou Rey, que informou que proximamente se anunciará unha nova data para a súa celebración.
"A aposta do Concello pola música e o talento da nosa terra queda plasmada ano tras ano porque Galicia é sinónimo de prestixio artístico e cultural, con artistas internacionais. Temos un compromiso firme coa cultura galega, e iso tamén inclúe á cultura popular da nosa cidade, dos nosos barrios", precisou Rey, que fixo fincapé no apoio que está a brindar o Concello para celebrar as festas nos barrios, que arrincaron en maio cunha programación de 21 citas, das que só restan cinco por celebrar. Entre elas, as de San Vicente de Elviña (6-7 de setembro), A Falperra (13-14 de setembro), Monte Alto (20 de setembro), Cidade Vella (3-4-5 de outubro) e O Ventorrillo (9-10-11-12 de outubro).
"A experiencia deste ano deixounos moi boas sensacións en barrios como Os Rosales e Eirís, coa Festa da Fresa, e tamén con novos eventos como a primeira edición do Lembranza Rock que se realizou no parque Europa, á que asistiron 2.500 persoas. Mais tamén estamos orgullosos de que a identidade e a música dos nosos barrios, cos cantos de taberna, se vise reflectida en actividades como as que vimos nas festas da Agra do Orzán, coa programación do Foliagra, na que tamén participou o alumnado da Escola Municipal de Música da Coruña", agregou a alcaldesa.
Máis eventos entre setembro e outubro
Inés Rey tamén lembrou esta mañá que a programación cultural e de grandes eventos que implican o Concello continuarán nas vindeiras semanas, xa fóra da tempada estival.
Ás portas de celebrarse o Recorda Fest, o ciclo de concertos das Noites da Cidade Vella e o Flores Rock, A Coruña tamén vive a conta atrás para a nova edición das Noites do Porto, a volta do ciclo Folk no Colón (que nas vindeiras semanas inclúe actuacións de Capercaillie e Milladoiro) e os próximos concertos de Joaquín Sabina, Quevedo ou Coque Malla, aos que se sumarán as cinco festas que quedan por celebrar nos barrios.