Chegada dos veleiros da Tall Ships Races 2023
A alcaldesa presidiu hoxe o acto de recepción aos doce grandes veleiros da regata e aos catro buques da Armada española e portuguesa que permanecerán na cidade ata o domingo pola mañá
24 de agosto de 2023
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deulles hoxe a benvida ás tripulacións da Tall Ships Races 2023 nunha recepción no peirao de Transatlánticos. Rey agradeceu que esta regata de grandes veleiros de ámbito internacional regrese á Coruña sete anos despois. "Hoxe retomamos esta conta pendente e facémolo con moita emoción e grande orgullo porque somos a cidade máis visitada pola Tall Ships Races en toda a súa historia", expresou a alcaldesa na recepción oficial.
Os 12 veleiros e catro buques da armada que participan na Tall Ships Races 2023 están atracados no porto da Coruña, no que permanecerán ata o domingo pola mañá, cando partirán rumbo a Lisboa.
Durante estes catro días o Concello da Coruña organizou un amplo programa de actividades abertas ao público. A alcaldesa quíxolle agradecer á organización da Tall Ships Races Magellan-Elcano, á Asociación Juan de Lángara, á Autoridade Portuaria e á Sail Training International (STI) o traballo conxunto levado a cabo en colaboración co Concello para que A Coruña fose elixida de novo como parada para esta regata. "Isto demostra que traballando man a man podemos reforzar a posición da cidade no mapa internacional de grandes eventos, mostrando o potencial que temos en turismo, deportes e cultura", afirmou.
Inés Rey lembrou a primeira escala desta regata na cidade, que foi en agosto de 1958, e apuntou que o espírito da Tall Ships Races segue sendo o mesmo: "Un espírito de amizade e irmandade". "No ano 2002 a Sail Training International premiou a nosa cidade como o mellor porto anfitrión", engadiu durante a recepción.
No acto tamén participaron o presidente da Asociación Juan de Lángara, José Etcheverría; o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; e a directora da Sail Training International (STI), Vanessa Mori.
Presenza de 12 grandes veleiros
Os barcos que recalan na Coruña nesta regata internacional, cuxos anos de botadura oscilan entre o 1913 e o 2000, son o 'Juan de Lángara' e 'Atyla' (abandeirados en España), o 'Veracruz' (Portugal), o 'Capitán Miranda' (Uruguai), o 'Challenge Wales', o 'Maybe' e o 'Jolie Brise' (Reino Unido), o 'Cuauthémoc' (México), o 'Dar Mlodziezy' e o 'Fryderyk Chopin' (Polonia), o 'Georg Stage' (Dinamarca) e o 'Stella Polare' (Italia).
Nesta edición da regata réndeselle homenaxe a unha das viaxes históricas da navegación marítima: a que levaron a cabo Fernando de Magallanes e Juan Sebastián Elcano no século XVI, hai máis de 500 anos, e que permitiu completar a primeira circunnavegación do globo terráqueo.
Intercambio de metopas
A alcaldesa da cidade recibiu tamén ao mediodía de hoxe no Palacio Municipal aos comandantes dos Buques Escola de Uruguai, México e Italia, de dúas goletas da armada portuguesa e do buque da Armada Española 'Atalaia'.
Rey conversou cos capitáns de navío José Díaz Castillo, Buque Escola 'Cuauhtémoc' (México); Mario Vaucher, Buque Escola 'Capitán Miranda' (Uruguai); co capitán de fragata Samuele Mondino, Buque 'Stella Pollare' (Italia); o capitán de corveta Ramón De Leste De León, patrulleiro 'Atalaia' (Armada Española) e os comandantes das goletas escolas 'Zarco' e 'Polar'. No concello realizaron un intercambio de metopas e visitaron a planta nobre.
Os actos previstos para este venres 25
Mañá, ás 17.00 horas, terá lugar o desfile de tripulacións da Tall Ships Races, que partirá da praza de Mina. Trátase dun evento aberto a toda a cidadanía. Inclúe un espectáculo conxunto dos Kilomberos, Troula e as Medusas de Pablo Méndez. O desfile terminará na praza de María Pita, na que se entregarán os trofeos da Sail Training International (STI). A entrega de premios será ás 18.00 horas.
Coa celebración da Tall Ships Races na Coruña, o Concello programou un amplo abano de actividades culturais, gastronómicas e de lecer, de asistencia gratuíta. Xa dende pola mañá, a partir das 11.00 h, haberá actividades culturais e deportivas para tripulantes na Cidade Deportiva da Torre, como a marcha nórdica e o Torneo de Fútbol 8.
Tamén desde as 11.00 horas e no Peirao de Transatlánticos, os máis pequenos e pequenas poderán gozar no inchable mariño e o barco pirata.
Das 12.00 ás 22.00 horas haberá actividades infantís, actuacións musicais e tapas no Festival de foodtrucks 'Coruñam'. Os showcooking de Dani Pedrosa, Lobo, serán ás 12.00 horas e ás 19.00 horas. Ás 12.00 horas, no Peirao de Transatlánticos, actuará 'Cuarentuna A Coruña'. Ás 14.00 horas, no Festival 'Coruñam', será a quenda do músico José Brea e, xa pola noite, ás 22.00 h, de 'The Cruze'.
Na cuberta do Buque 'Atyla' terá lugar, entre as 12.00 e as 13.00 horas, unha sesión infantil: 'Un faro de contos. Caxoto'. Haberá dous pases de 30 minutos cada un e será entrada libre ata completar a capacidade. Continuarán pola tarde, entre as 17.00 e as 21.00 horas, o inchable mariño e o barco pirata no Peirao de Transatlánticos.
O acceso ao circuíto do porto é das 11.00 ás 00.00 horas.