
A Torre de Hércules, vista desde os sendeiros lindeiros á praia das Lapas
A alcaldesa, Inés Rey, puxo en valor o plan de intervencións formulado no faro e a súa contorna, que inclúe a renovación da sala Giannini e, ademais, o acondicionamento dos sendeiros no ENIL da Torre
13 de marzo de 2026
O Concello ultima os preparativos de cara ao inicio de plan de melloras previsto na Torre de Hércules e a súa contorna, que comezará o vindeiro luns 16 coa desmontaxe da rampla para, a continuación, traballar xa sobre a viga perimetral que arrodea o monumento.
Esta actuación abre camiño a unha intervención máis ambiciosa, concibida para profundar nas escavacións da base do monumento e, de paso, mellorar a accesibilidade e adecuar a área arqueolóxica e o seu percorrido de visita.
A alcaldesa, Inés Rey, lembrou que esta medida intégrase no paquete de intervencións impulsado conxuntamente polo Concello e a Xunta, cun investimento global de case un millón de euros e co financiamento de fondos Next Generation. "O obxectivo é mellorar a experiencia das persoas visitantes e tamén darlle un novo pulo ao faro e á súa contorna en materia divulgativa", indicou.
Neste sentido, o abano de actuacións formuladas inclúen a renovación da sala Giannini, a mellora da terraza superior e do edículo, a instalación de iluminación ornamental e o acondicionamento dos sendeiros do Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Torre.
A Torre atenderá as visitas correspondentes a reservas xa confirmadas
No plano operativo, e co obxectivo de facilitar o desenvolvemento das obras, desde o vindeiro luns 16 non haberá venda de entradas individuais para acceder á Torre. Atenderanse unicamente as reservas xa confirmadas e operararase desde o Centro de Interpretación e Atención de Visitantes (CIAV).
A este respecto, e pola necesidade de almacenar as subministracións e os equipamentos de obra, está previsto instalar contedores na explanada da Torre, aínda que isto non suporá ningunha afectación ao tránsito peonil: manterase libre o paso pola escaleira e o acceso pola porta de Leiro para grupos organizados.
En paralelo, melloras no treito do Paseo Marítimo máis próximo á Torre
As intervencións de mellora previstas sobre a Torre, o principal emblema patrimonial da Coruña, están a ser acompañadas de máis actuacións sobre as infraestruturas próximas, como a calzada e os percorridos peonís do Paseo Marítimo.
A este respecto, o Concello avanza estes días coa renovación do firme prevista no treito do paseo entre a Torre e o Aquarium, que aparellará a retirada dos antigos raís do tranvía -no bordo interior- e o soterramento destes na parte próxima ao bordo marítimo, o que permitirá darlle continuidade ao carril runner e conectalo co resto desta superficie que chega ata as Escravas.
Ademais, na rotonda de acceso á Torre, onde tamén se están a retirar os raís para adecuar a calzada e crear unha nova bolsa de estacionamento, o Concello avanza na renovación e ampliación das beirarrúas, e adecúa de paso as paradas de autobús que hai nas inmediacións do antigo Cárcere Provincial.