Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña
san xoan

A noite de San Xoán con menos residuos congrega a máis de 150.000 persoas

O dispositivo de seguridade atendeu 198 asistencias

A cifra de lixo foi a máis baixa desde que hai datos, un 50% menos que no 2018

Cuándo:

24 de junio de 2023

A noite de San Xoán reuniu nas rúas e praias da Coruña a máis de 150.000 persoas. A festa máis multitudinaria do calendario da cidade transcorreu con normalidade grazas a un dispositivo formado por máis de 600 persoas que velou pola seguridade dos asistentes durante toda a noite.

Ao longo da noite leváronse a cabo 198 asistencias a persoas por diferentes circunstancias segundo os datos da Cruz Vermella e Protección Civil. Do total de persoas asistidas 95 foron homes e 103, mulleres. Por tipoloxía, houbo 50 intoxicacións etílicas, 42 queimaduras, 38 traslados totais, 50 cefaleas, mareos ou indisposicións, 17 limpezas oculares, 17 feridas ou laceracións e 15 traumatismos. As atencións leváronse a cabo nos postos do Orzán, Riazor e no centro médico avanzado situado xunto a Coraza. Dezaseis persoas foron trasladadas a hospitais, ningunha delas por causas graves. O maior volume de asistencia por parte do dispositivo especial de San Xoán produciuse arredor das 2.30 horas da noite.

Durante as celebracións procedeuse á detención de catro persoas: catro por resistencia á autoridade e un por un posible caso de violencia de xénero. O dispositivo especial de San Xoán coordinado polo Concello estivo composto por 656 efectivos e contou coa presenza de 140 axentes da Policía Local, que estiveron reforzados coa presenza de 40 efectivos da Policía Nacional. A alcaldesa, Inés Rey, visitou no día de onte a todos os corpos de seguridade da cidade para agradecer o seu compromiso e traballo nunha noite de máxima actividade.

Ademais, este ano o dispositivo contou coa presenza de dous drons con visión térmica. Estas naves non tripuladas levaron a cabo un percorrido constante desde o ceo nas praias de Riazor e Orzán, sen detectar ningunha incidencia destacable. As persoas que permanecían nas praias foron convidadas a despexañas ás 6.00 horas, tamén sen incidencias, para poñer en marcha o dispositivo de limpeza. Durante a tarde e a noite estiveron operativos catro puntos violeta ao longo do paseo marítimo para informar e atender posibles casos de acoso ou violencia cara ás mulleres. En total, rexistráronse 1.743 consultas durante a xornada, 693 no punto fixo da Coraza, sen ter que formularse ningunha denuncia.

O servizos de recollida do lixo especial comezou a traballar inmediatamente despois do desaloxo das praias, empezando polo areal de Riazor, que quedou liberado de restos ás 10.00 horas. Posteriormente traballouse no Orzán. Tamén se levou a cabo unha cobertura de limpeza especial noutros puntos da cidade e nas rúas próximas ao paseo marítimo, de máxima afluencia durante toda a noite. Segundo os datos do servizo, este ano recolleuse un 33% menos de residuos que no 2022, o que evidencia unha maior concienciación cidadá polo mantemento das praias e dos espazos públicos nesta celebración. Segundo as cifras, recolléronse 57 toneladas de lixo fronte 86 toneladas do ano pasado. En comparacion cos datos do 2018, cando se recolleron 117 toneladas de residuos, a reducción do lixo nas últimas catro edición de San Xoán supera o 50%. Tratase da cifra de lixo da noite de San Xoán máis baixa desde que hai datos.

A noite de San Xoán pechou unha semana marcada pola ampla programación cultural temática que se desenvolveu nos diferentes barrios da cidade. Desde o venres 16 leváronse a cabo actuacións culturais de diferente tipo baixo a marca 'Ruada das Xoubas'. Ademais, tamén se celebrou o sábado 17 a tradicional sardiñada de Santa Margarida e onte houbo os concertos de Celtas Cortos e The Txandals na explanada do Palacio dos Deportes. A falla deste ano estivo dedicada a Pablo Picasso, Lucas Pérez e Arsenio Iglesias. A alcaldesa, Inés Rey, acompañou á familia de Arsenio e á directiva da Federación de Peñas do Deportivo no acto de queima da falla, á medianoite.

A alcaldesa agradeceu o traballo dos profesionais que configuran o dispositivo especial de seguridade e limpieza e tamén o exemplo de civismo da cidadanía que se constata na redución de residuos: "A inmensa maioría dos cidadáns tivo un comportamento exemplar, axudando a facer que o San Xoán coruñés sexa un referente e un exemplo a seguir", indicou Rey.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión