A alcaldesa, Inés Rey, comprobou de primeira man o traballo levado a cabo polos 54 centros educativos de toda Galicia presentes este ano
10 de mayo de 2025
A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá unha nova edición do Día da Ciencia na Rúa, unha iniciativa organizada polo Concello, a Asociación de Amigos da Casa das Ciencias e a Cátedra Emalcsa-UDC que reuniu a un milleiro de participantes e a numeroso público asistente no parque de Santa Margarida. "O meu Goberno municipal mantén máis vivo que nunca o legado que nos sitúa como unha das grandes capitais da divulgación científica, grazas a unha rede de museos de primeiro nivel nacional e a numerosas entidades e agrupacións que colaboran cada ano en eventos coma este, moi especial para a nosa mocidade", sinalou a alcaldesa.
Nesta edición participaron 54 centros educativos da Coruña, Betanzos, Cambre, Carral, Arteixo, Cerceda, Culleredo, Coristanco, Oleiros, Ordes, Pontedeume, Outes, Ribadeo, Miño, Ortigueira, Baio, Ribeira e Poio. Entre as súas numerosas propostas houbo actividades baseadas nas tecnoloxías máis actuais, como o recoñecemento facial con Intelixencia Artificial, a descrición do corazón mediante téxtiles electrónicos, invernadoiros intelixentes, un modelo de satélite artificial ou numerosas aplicacións de robótica. Tamén se presentarán experiencias que combinan a ciencia coa arte ou a maxia, ilusións ópticas ou o son, así como sorprendentes proxectos sobre a creación de nubes, o Sistema Solar, foguetes ou a observación de células e microorganismos ao microscopio. O amplo catálogo de actividades incluíu moitas relacionadas cos grandes temas de actualidade, como a crise climática, as conservación do medio ambiente e a sustentabilidade.
Xunto ao alumnado de todos os niveis educativos tamén participan profesionais da investigación e a divulgación, que presentarán un diverso programa de contidos científicos para toda a cidadanía nos postos da Cátedra Emalcsa-UDC, a Facultade de Ciencias da UDC, a Escola de Enxeñeiros de Camiños da Universidade da Coruña, o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), o Centro de Investigación en TIC (CITIC), o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), a Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, o Centro Oceanográfico da Coruña, o Instituto de Investigacións Biomédicas da Coruña (INIBIC), o Servizo Municipal de Educación da Coruña, a asociación Luzada da USC, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), ou a Axencia Galega de Órganos e Sangue.
Ademais das numerosas iniciativas educativas, como é tradición, o Día da Ciencia na Rúa acolleu un concerto especial da Banda Municipal de Música da Coruña, que deu por concluído con este recital o seu proxecto 'Vai a Banda', unha iniciativa municipal para achegar a formación aos alumnos e alumnas dos centros educativos. Ademais, durante a xornada deste sábado a entrada aos museos científicos foi gratuíta, reunindo a centos de persoas no Aquarium Finisterrae, Domus e Casa das Ciencias.
No Día da Ciencia na Rúa tamén colaboran a FECYT (Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades) e a Deputación da Coruña.