Os cursos de iniciación ao golf volven aos campos da Torre neste último treito de ano
A programación, orientada á iniciación nesta disciplina deportiva, está aberta a tres tramos de idade: infantil (6-11 anos), xuvenil (12-17 anos) e para o público adulto
31 de agosto de 2025
Mañá, luns 1 de setembro, abrirase o prazo de solicitude para optar ás máis de 130 prazas que oferta o Concello nos cursos de golf que terán lugar ata finais de ano nos campos municipais da Cidade Deportiva da Torre-Arsenio Iglesias.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, animou as coruñesas e os coruñeses a participaren neste último trimestre do programa, que se desenvolve ao longo de todo o ano e que, nesta última quenda, conta con prazas libres para iniciación ao golf en tres tramos de idade: infantil (6-11 anos), xuvenil (12-17 anos) e tamén para o público adulto. A meirande parte das prazas dispoñibles son precisamente para este último tramo.
"A previsión é que os cursos arrinquen a comezos de outubro e continúen ata mediados de decembro, antes das datas de Nadal", detallou Vázquez, que lembrou que, ao longo do ano, o Concello lanza unha oferta de máis de 600 prazas en total entre as diversas quendas.
No caso da que terá lugar entre outubro e decembro, as solicitudes para participar nos cursos poderán presentarse do 1 de setembro (a partir das 8.00 horas) ata o 5 de setembro ás 23.59 horas. Como xa é habitual, será preciso inscribirse cubrindo o formulario habilitado na páxina web de Deportes Coruña , onde se pode consultar toda a información e o calendario do proceso, tanto para a xestión das prazas como da formalización da matrícula.
También te puede interesar