A XGL aproba un convenio de cooperación coa Axencia de Turismo de Galicia para levar a cabo un plan de melloras no faro
12 de mayo de 2025
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, informou esta mañá dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local extraordinaria realizada no Palacio Municipal de María Pita. Entre outras cuestións, a alcaldesa destacou o visto e prace a un acordo de colaboración e cooperación entre o Concello e a Axencia de Turismo de Galicia para a mellora da Torre de Hércules e a súa contorna.
"A través deste convenio, que conta con financiamiento autonómico, levaremos a cabo unha mellora substancial da Torre de Hércules e da súa contorna; apostaremos pola posta en valor e a renovación do faro para facelo máis accesible e adaptado ao tempo actual", sinalou Inés Rey. Investirase un total de 1.185.000 euros en seis actuacións de diversa índole que suporán a posta en valor tanto do interior do monumento como do seu exterior e do conxunto da contorna do faro. Desas seis actuacións, cinco están incluídas neste convenio de cooperación con Turismo de Galicia.
Por unha banda, levarase a cabo unha mellora da accesibilidade e distintas actuacións de reparación no espazo da área arqueolóxica da Torre de Hércules. Será unha actuación integral que mellorará os elementos estruturais metálicos, eliminará as filtracións, illará o conxunto para evitar os danos que causan as sales mariñas e mellorará a accesibilidade cunha nova rampla de acceso. Ten un orzamento de 277.000 euros.
O segundo dos proxectos será a escavación e restauración do perímetro exterior da base da torre. Será a primeira escavación que se leve a cabo nesta zona desde 1992 e suporá unha mellora da conservación do material que forma parte das estruturas medievais e evitará así a degradación do xacemento. "O obxectivo é, polo tanto, rematar os traballos iniciados o século pasado e consolidar estas estruturas arqueolóxicas para que o xacemento sexa máis comprensible", indicou a alcaldesa. Esta actuación terá un orzamento de 234.000 euros.
Por outra banda, restauraranse as salas Giannini, terraza superior e Edículo. Serán pequenas actuacións destinadas a mellorar estas estancias interiores do faro para, do mesmo xeito, mellorar a experiencia xeral das persoas visitantes. O cuarto dos proxectos que se levarán a cabo será a reforma da iluminación ornamental da Torre, co fin de actualizar estas instalacións e mellorar a eficiencia enerxética coas últimas tecnoloxías. Estas dúas actuacións terán un orzamento de 43.000 e 174.000 euros, respectivamente.
O quinto e último proxecto incluído no convenio suporá a restauración dos sendeiros do Espazo Natural de Interese Local da Torre de Hércules, na contorna do faro. "Esta contorna conta cun importante valor ecolóxico grazas á súa abundante biodiversidade, e grazas a esta actuación poderemos preservala á vez que adaptamos os camiños para seren máis accesibles", sinalou Rey. Tamén destaca este espazo pola súa calidade paisaxística, xa que se trata da maior superficie non urbanizada da península da Coruña e un miradoiro natural cara ao Atlántico e ás rías do Golfo Ártabro. Por tanto, faise necesario o acondicionamento do carreiro que circunvala a Torre de Hércules, facéndoo máis accesible, seguro e durable. Ademais, definirase un percorrido accesible para persoas con mobilidade reducida aproveitando o tramo continuo que parte da glorieta e chega ata a costa, seguindo a continuación cara á dereita para pasear xunto ao mar. O orzamento será de 244.000 euros
Fóra deste convenio con Turismo de Galicia, desde o Concello licitarase este ano o proxecto de restauración de dúas das cámaras da torre, situadas na planta baixa. Son as únicas que tras a restauración de Eustaquio Giannini posúen porta de acceso desde o exterior. As portas actuais son de bronce, obra do artista galego Francisco Leiro. A actuación suporá unha restauración minuciosa da ornamentación destas cámaras e terá un custo de 211.000 euros.