Imaxe de arquivo do acto de entrega dos Premios Prima 2015
A convocatoria incorpora por vez primeira unha categoría específica sobre divulgación en materia de auga urbana
O prazo para presentar traballos permanecerá aberto ata o 2 de xuño
16 de abril de 2025
O Concello da Coruña, a través da Concellería de Cultura e Turismo, abre o prazo de presentación de traballos para a XXXVIII edición dos premios Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica, un certame que se consolidou como un dos máis prestixiosos do ámbito estatal no eido da comunicación científica.
O certame recolle oito categorías: Vídeo, Novos Medios, Artigo Xornalístico, Radio, Proxectos Singulares, Libro Editado, Proxecto de Divulgación Científica sobre a Auga no Medio Urbano e Prisma Especial do Xurado. Esta última modalidade está destinada a recoñecer a traxectoria de persoas ou institucións cunha achega destacada ao labor divulgador.
Como novidade na presente edición, incorpórase a modalidade centrada na divulgación científica sobre a auga no medio urbano, dirixida a proxectos que contribúan a sensibilizar sobre a importancia da xestión sostible da auga nas cidades e os avances tecnolóxicos neste ámbito.
As persoas interesadas poderán presentar os seus traballos e candidaturas ata o 2 de xuño. As bases da convocatoria e o formulario de inscrición atópanse dispoñibles no portal dos Museos Científicos Coruñeses: Prismas Casa de las Ciencias a la Divulgación .
As modalidades, agás Libro Editado e Prisma Especial do Xurado, están dotadas cun premio económico de 4.000 euros. A entrega dos galardóns terá lugar o sábado 15 de novembro nun acto institucional que se celebrará na cidade da Coruña.
A alcaldesa Inés Rey salientou que "os Prismas non só son un referente nacional, senón unha mostra do compromiso continuo da Coruña coa ciencia, o coñecemento e a cultura como ferramentas fundamentais para o desenvolvemento social". A rexedora puxo en valor o traballo que se realiza desde os Museos Científicos Coruñeses e reafirmou "a aposta decidida deste Goberno pola divulgación científica como piar estratéxico da política cultural municipal".
Pola súa banda, o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou que "incorporar unha categoría específica sobre a auga urbana responde á vontade de conectar a divulgación científica cos retos ambientais actuais e de fomentar proxectos que impliquen á cidadanía na protección dos recursos naturais. A ciencia debe estar presente nos espazos públicos e accesible para todas as persoas".
A consolidación destes premios, con máis de tres décadas de traxectoria, reflicte o compromiso sostido do Concello da Coruña coa cultura científica e co impulso de iniciativas que fomenten o coñecemento e o pensamento crítico entre a cidadanía. No marco deste labor, o Goberno de Inés Rey continúa a reforzar a programación e os recursos dos Museos Científicos Coruñeses como espazos públicos de referencia no eido da divulgación.