O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou na presentación da programación
19 de mayo de 2025
A (S8) Mostra de Cinema Periférico volverá converter a cidade da Coruña na capital mundial do cinema de vangarda. Será durante a celebración da décimo sexta edición do festival, que este ano ten lugar entre o 3 e o 8 de xuño. Ao longo desa semana, proxectaranse máis de cen pezas procedentes de quince países diferentes, destacará a presenza de cineastas pioneiros/as e referentes mundiais do cinema experimental, como o venezolano Carlos Castillo, a estadounidense Betzy Bromberg, a chilena Jeannette Muñoz e a arxentina Daniela Cugliandolo. Todos eles visitarán a Mostra e presentarán un percorrido pola súa obra con películas que, en moitos casos, como no de Castillo ou Bromberg, se poderán ver por vez primeira no noso país.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, participou esta mañá na presentación realizada na Domus. "Para o Goberno de Inés Rey é unha honra continuar promovendo este evento único no país, que cada ano conta cunha programación máis coidada e aberta a toda a cidadanía", sinalou. No acto tamén participaron os codirectores do certame, Ana Domínguez e Ángel Rueda, así como o director xeral da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a deputada provincial da Deputación da Coruña, Avia Veira. Alí desvelaron a imaxe deste ano, dedicada aos volcáns, invocando a natureza como verdadeira forza da creación, rexeneradora de vida e dun futuro fértil. Os volcáns serán de feito a apertura da Mostra. A sesión inaugural será un percorrido por películas icónicas de EEUU, Xapón, Austria, Italia e Francia realizados entre 1923 e 2023 e que teñen os volcáns como inspiración.
Ademais das retrospectivas e dos programas de amplo percorrido histórico, nesta edición cobran moita importancia os traballos recentes de cineastas reunidos na sección Sinais, que este ano se amplía. Inclúe tres sesións dedicadas a autores da península ibérica, un programa de Sinais Latinoamérica e un filme performance con Sinais Desbordamentos, respondendo así á vitalidade da escena actual de creación do cinema contemporáneo en formatos analóxicos.
De feito, nesta edición destaca a gran cantidade de proxeccións inéditas, con máis de trinta estreas mundiais, o que demostra a consolidación do (S8) como espazo de referencia do cinema internacional de vangarda. Entre esas estreas atópanse pezas de artistas de ampla traxectoria como Jeannete Muñoz, pero tamén de creadoras e creadores novos que regresan como cineastas despois de pasar polo festival como estudantes da sección Paraíso, as xornadas profesionais INPUT ou as residencias artísticas BAICC. É así como a Mostra cumpre cun dos seus propósitos: impulsar a creación e xerar comunidade arredor do cinema de vangarda nun contexto non competitivo.
A (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co patrocinio do Concello da Coruña. As sedes son as habituais: Filmoteca de Galicia, Sala de Exposicións Palexco, Fundación Luis Seoane e a Domus.
Grandes nomes e retrospectivas
Este 2025 cúmprense sesenta anos da aparición do formato Súper 8, que lle dá nome ao festival e ao que se homenaxea por favorecer a liberdade nos primeiros pasos de creadores e cineastas hoxe mundialmente recoñecidos. É o caso do venezolano Carlos Castillo, quen participou coas súas películas en Súper 8 no Festival de Cannes en 1981 e terá na Coruña a primeira retrospectiva da súa obra en Europa. Tamén ofrecerá aquí unha masterclass sobre a historia do cinema de vangarda en Venezuela.
Castillo mostrará as súas películas no seu formato orixinal, creando unha experiencia única, xa que para el tanto a filmación como a proxección forman parte dunha mesma acción artística. A presenza dos artistas na sala e o feito de que a maioría das películas sexan proxectadas no formato orixinal, fai da (S8) unha oportunidade única. Así sucede con dúas longametraxes en 16 mm da estadounidense Betzy Bromberg, que se proxectarán por primeira vez en España.
Bromberg revisará a súa carreira na (S8) desde as súas primeiras obras no Nova York dos anos 70, e será a primeira dunha longa lista de creadoras que protagonizan o programa deste ano, no que as mulleres son maioría e ocupan dous terzos da programación. Entre elas están tamén Daniela Cugliandolo, figura clave na pervivencia do Súper 8 na Arxentina, e Jeannette Muñoz, que estreará as súas novas películas na Coruña e é considerada un referente mundial no cinema de vangarda.
Sinais e a vitalidade do cinema analóxico máis recente
Unha das novidades desta edición da Mostra é a ampliación de Sinais, sección que reúne o mellor da creación cinematográfica contemporánea da península Ibérica e que este ano suma por segundo ano consecutivo a sección Sinais Latinoamérica, un programa comisariado pola peruana Ivonne Sheen. Tamén haberá un Sinais Desbordamentos, que acollerá un filme performance do colectivo Tekno Fantasy.
Son en total 29 obras feitas no último ano, moitas delas en formatos analóxicos ou combinados con ferramentas dixitais. Haberá 21 películas galegas e españolas con creadores como Carlos M. Peñalver, Laura Moreno Bueno, Natalia Rabaneda, Berio Molina ou FLESH.WEBM (Lidia Rodríguez). No caso de Sinais Latinoamérica, proxectaranse sete filmes de autores como Elena Pardo, Marcela Cuevas e Cecilia Araneda. Entre os autores e autoras galegos destacan Iago Lourido, Cristina Souto Pita ou Borja Rodríguez.
Desbordamentos, o cine máis aló da pantalla
Un dos grandes atractivos do festival volven ser as sesións de cinema performático que terán como escenario principal o patio da Fundación Luis Seoane. Desenvolveranse en tres veladas, con propostas que nalgúns casos se estrean especialmente para a ocasión. O xoves, Brenda Boyer presentará a súa obra "Tortuga [pasaje cromático #4]", resultado das residencias artísticas BAICC. Despois será a quenda do colectivo Tekno Fantasy con "La belleza en los rayos fracturados", unha peza de 2025 desenvolvida no laboratorio de Medialab en Tabakalera (Donostia). Nela, os artistas Laura Ibáñez López, Camila Reyes e Iker González crean un particular universo visual e sonoro integrando vestiario e dispositivos ópticos.
O venres, Valentina Alvarado regresa á (S8) para presentar a súa nova performance: "voy raspando la hoja y la voz". Nela, esta artista venezolana afincada en Barcelona continúa a súa exploración da imaxe en movemento cunha mirada crítica cara á diáspora, a paisaxe e o xesto. A segunda peza da noite será "Maono Mzimi", do artiste canadense de orixe ugandés Sonya Mwambu, quen centra o seu traballo nas interseccións das súas identidades, explorando cuestións como a raza, o xénero e a linguaxe. Tanto Alvarado como Mwambu empregarán formatos analóxicos, como o 16 mm ou os casetes, integrados na acción en directo.
A última sesión de Desbordamentos estará protagonizada por dous laboratorios dedicados ao cinema experimental: Mire (Nantes) e Laia Coop (Porto), con propostas moi innovadoras. Abrirase cun programa de películas de Aurélie Percevault e Antoine Ledroit, seguido pola performance Smokeshow, de Aurélie Percevault e Pierre Pierre Pierre, na que se proxectará sobre unha pantalla de fume. A clausura de Desbordamentos será con Wandering Projection, resultado dun proxecto conxunto destes laboratorios dentro do programa europeo de investigación cinematográfica SPECTRAL. Nel, ofrecerán un paseo nocturno proxectando cinema en vivo pola cidade da Coruña empregando dispositivos ambulantes de proxección en 16 mm.
Paraíso e actividades paralelas
O compromiso da (S8) como espazo de formación e impulso da arte cinematográfica concrétase en varias actividades previas e durante o festival. O pasado 13 de maio iniciáronse as proxeccións para escolares, polas que pasarán máis de trescentos alumnos e alumnas de entre 8 e 15 anos de varios centros educativos da Coruña. Son catro sesións (13, 20 e 27 de maio e 2 de xuño) que se realizan na Domus e supoñen unha oportunidade para que a xente máis nova descubra o celuloide e a gran diversidade que existe nas formas de facer cinema. Este ano, ademais, coñecerán o traballo de dous cineastas galegos: Iago Lourido e Xacio Baño, cos que manterán un coloquio tras as proxeccións.
Dentro da oferta educativa da Mostra destaca o taller de inclusión social Xpresa, que se levará a cabo o 30 e 31 de maio na Fundación Luis Seoane e está realizado co apoio da Fundación Emalcsa e o seu programa Cultura Accesible e Inclusiva. Baixo o título "Ritmos de luz, cine sin cámara para la inclusión", está dirixido pola artista visual Deneb Martos e nel participan persoas usuarias das fundacións Adcor e Asperga.
Xa durante o festival haberá un novo encontro, Paraíso, que convoca estudantes de Belas Artes de diferentes lugares de España. Este ano repiten a Universidade de Vigo e a Universidade de Salamanca, e súmase por vez primeira a Universidade Complutense de Madrid. A actividade supón a participación directa do estudantado no festival, onde se proxecta unha selección das súas obras. Por último, cómpre destacar a realización da oitava edición dos encontros profesionais INPUT de titorización de proxectos cinematográficos. Participarán nela catro cineastas seleccionados dunha convocatoria récord que recibiu máis de oitenta solicitudes.
Nova convocatoria BAICC e xira internacional
A presentación da programación da (S8) concluíu co anuncio da apertura do prazo de presentación de proxectos candidatos para as residencias artísticas BAICC 2025/26, promovidas por ese8_LAB e Acción Cultural Española (AC/E) en colaboración co LIFT, o Liaison of Independent Filmmakers of Toronto. BAICC é a única residencia internacional de creación cinematográfica en funcionamento en España desde 2017.
O obxectivo destas residencias é impulsar un cinema máis artístico e autoral, que abra novas vías e lle brinde a posibilidade a un ou unha cineasta de España de desenvolver un proxecto nunha contorna internacional exclusiva. O traballo resultante terá a súa estrea durante a próxima edición da (S8), para despois continuar o seu percorrido por festivais e centros de arte de todo o mundo. Ademais, neste 2025 a presenza destas obras producidas pola Mostra verase amplificada cunha xira internacional. O próximo outono, varios dos cineastas beneficiarios e moitas das obras realizadas proxectaranse nas cidades de Toronto, Vancouver, Halifax, Winnipeg e Montreal. Este BAICC Canadian Tour está apoiado por AC/E, o LIFT e o Canadian Council for the Arts.
O (S8) en cifras