Ayuntamiento de A Coruña

Ayuntamiento de A Coruña
Montegolf

Vista aérea do complexo deportivo Montegolf

A Coruña, Arteixo e Culleredo reforzan a súa colaboración coa construción dunha gran zona deportiva na Zapateira

Os tres concellos concorrerán xuntos a unha subvención autonómica. A proxectada zona deportiva de Montegolf daralles servizo ás persoas usuarias dos municipios

Cuándo:

21 de mayo de 2025

Os concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo están a cooperar para coordinarse na busca de fondos para a rehabilitación e ampliación do complexo deportivo Montegolf. Aínda que situado no termo municipal de Arteixo, o espazo deportivo, na Zapateira, linda tamén cos outros dous municipios implicados, aos que tamén lles dará servizo. 

O complexo deportivo foille cedido ao Concello de Arteixo pola empresa Riofisa tras un acordo destinado a resolver o abandono dunha instalación privada que foi afectada pola crise do 2008. Co novo proxecto, aumentará os servizos previstos inicialmente tras un acordo ao que chegaron os concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo, para crear unha gran zona deportiva neste lugar limítrofe entre os tres e que, polo tanto, lles dará servizo aos veciños e veciñas dos tres concellos que viven a escasos metros uns dos outros. 

A implicación dos tres concellos, con achegas económicas de cada un deles, permitirá ampliar o complexo e mellorar a proposta inicial para a dita superficie.

O complexo deportivo contará cun edificio principal con vestiarios, aseos, espazos polivalentes e zonas exteriores verdes nas que se integrarán varias pistas deportivas e unha piscina ao aire libre.

As actuacións previstas centraranse en obras de rehabilitación, reparación, ampliación e modernización do equipamento e substituirán as actuais pistas de pádel por pistas multideporte que favorezan as actividades de dinamización e práctica de distintas disciplinas, polo que lle devolverán a funcionalidade ao complexo e aumentarán os servizos previstos inicialmente.

O investimento total achégase aos 650.000 euros. Os tres concellos solicitarán unha subvención da Xunta que supón a metade desa cantidade; o resto asumirano a partes iguais entre eles. 

"Os veciños e veciñas non entenden as fronteiras administrativas entre concellos porque a realidade do día a día demostra que moitas veces non existe, por iso as administracións temos que actuar de igual xeito e traballar de forma coordinada para mellorarmos a calidade de vida de todos e de todas. Coido que esta proposta é un bo exemplo de coordinación a nivel supramunicipal", indicou José Manuel Lage, primeiro tenente de alcaldesa da Coruña. 

Pola súa banda, o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, sinalou que "a colaboración entre varios concellos permitirá optimizar os servizos que se ofrezan nesta zona deportiva e que exista na instalación unha oferta de ocio máis ampla da prevista inicialmente".

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, destacou que "a cooperación intermunicipal é o camiño que cómpre seguir para incrementar os servizos de calidade para a cidadanía". Sinala que a actuación ampliará a oferta de espazos deportivos para a veciñanza da Zapateira e da contorna.

¿Qué te parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión