Entre as 93 entidades e 63 modalidades deportivas destaca este ano a presenza de seis parasurfistas internacionais o a inclusión do pentatlón militar
13 de junio de 2025
O Concello da Coruña celebra este domingo 15 de xuño o XXXVIII Día do Deporte na Rúa como colofón á actividade das Escolas Deportivas Municipais no curso 2024-2025. Nesta ocasión haberá un total de 93 entidades participantes e 63 modalidades deportivas, o que supón o récord desta celebración. Toda a información e o mapa interactivo con todas as disciplinas poden ser consultadas na seguinte ligazón.
Todas as actividades se desenvolverán de 11.00 a 14.00 horas na contorna da Cidade Deportiva de Riazor. Os deportes náuticos terán nas praias de Riazor e Orzán. Todas as actividades son de balde e abertas a todas as idades. A cita promovida polo Goberno de Inés Rey ten como obxectivo promocionar as diferentes disciplinas deportivas que se practican na cidade, da man dos distintos clubs e entidades deportivas municipais, e dun xeito lúdico e participativo, achegar á cidadanía os beneficios da práctica deportiva.
O Día do Deporte na Rúa contará este ano con 63 modalidades deportivas diferentes dende o atletismo, baloncesto, bádminton, boxeo, ximnasia, escalada, marcha nórdica ou xadrez. Tamén haberá deportes náuticos como vela, piragüismo, waterpolo, paddlesurf ou surf entre moitas outras. E como novidades contarase con danza urbana, pickleball, pelota vasca e pentatlon militar. Ademais, celebraranse diferentes actividades dirixidas por técnicos/as especializados/as de Termaria cos seguintes horarios: Body Balance ás 11.00, zumba ás 12.00 e Salsation ás 13.00 horas.
Ademais, este ano haberá no evento un total de seis parasurfistas internacionais na zona dedicada ao surf na praia do Orzán, máis axeitada para estas prácticas deportivas pola calidade das súas ondas. Estarán encabezados por Daniel Souto, parasurfista coruñés. Outra das actividades destacadas este ano será o pentalón militar, que contará cunha pista de aplicación adaptada. Ademais, haberá dous talleres de RCP e salvamento acuático.
Este ano, 93 clubs e entidades deportivas da cidade se suman á celebración do Día do Deporte, colaborando co Concello da Coruña co obxectivo de dar a coñecer as diferentes prácticas deportivas que se ofertan no municipio, completando unha programación deportiva ampla e diversa. Deste xeito, o Concello mantén o seu apoio ao sector deportivo da cidade, achegando o seu traballo á cidadanía, e fomentando a práctica deportiva para todos os gustos e idades. A xornada contará tamén cunha solta de pombas (colombofilia), que se realizará no stand fronte ao Palacio dos Deportes de Riazor ás 13.00 horas.
Como participar e agasallos
A participación no XXVIII Día do Deporte na Rúa é libre e sen necesidade de inscrición previa. O mesmo día da celebración repartirase unha tarxeta de participación en cada unha das actividades deportivas ou no punto de encontro do Palacio dos Deportes. En cada tarxeta haberá tres marcadores para selar e en cada actividade que se realice poderase cubrir un.
Haberá 2.000 camisetas que se entregarán ás 2.000 primeiras persoas que teñan un selo na tarxeta. As camisetas estarán a disposición das persoas participantes no punto de encontro ata as 14.00 horas.
Ademais, haberá un sorteo de materiais das entidades colaboradoras, que se realizará o día 15 ás 13.45 horas no escenario situado na explanada do Palacio dos Deportes. Participarán todas as persoas que depositaron as súas tarxetas cubertas con tres selos. Haberá diferentes premios para maiores e menores de idade.