Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cando:

2 de xuño de 2017

O Goberno local inicia os trámites para a declaración como ENIL da contorna da Torre de Hércules, "para protexer e coidar o patrimonio natural e favorecer o adecuado uso público"

María García presentará a proposta ao Pleno o próximo luns, no marco das iniciativas que terán lugar no Día de Medio Ambiente, e lembra que A Coruña “está á espera da contestación da Xunta” en relación a esta mesma declaración para as Illas de San Pedro, “solicitada polo Concello no mes de xaneiro”

A concelleira de Medio Ambiente, María García, informou esta mañá no Pazo de María Pita que o Goberno local iniciou os trámites necesarios para requirir a declaración da contorna natural da Torre de Hércules como Espazo Natural de Interese Local, ENIL, unha figura de protección que se atopa no marco da Lei de Conservación da Natureza  que, a proposta dos concellos, designa espazos naturais dentro do termo municipal que son merecedores de contar con medidas específicas de protección polo seu valor ambiental. "A contorna da Torre de Hércules é unha zona de extraordinario valor patrimonial, non só pola declaración da UNESCO, senón tamén polo seu nivel natural, tal e como puxo de manifesto o Mapa da Biodiversidade", explicou García. "Se no municipio da Coruña contamos con 3.200 especies de flora e fauna, 700 delas están na zona núcleo da Torre de Hércules, e, se ampliamos o radio 1 km, atopamos máis de 1.400 especies que están ao alcance de todas as veciñas e veciños", sinalou a concelleira, quen destacou a "oportunidade" que supón contar con este ecosistema atlántico, "cuxo grado de conservación é bo".

O obxectivo do Goberno local, a través deste ENIL, consiste na protección da natureza que se atopa entre a praia das Lapas e a cala de Durmideiras á vez que se compatibilizan outros usos. "A conservación destes lugares require de medidas de protección, pero non se trata de impedir o uso desta zona, senón máis ben ao contrario. O que queremos é que a cidadanía da Coruña poida ir á Torre e gozar do seu patrimonio natural", dixo García. Deste modo, coa declaración ENIL, o executivo local poderá poñer en marcha un Plan Municipal de Manexo e Conservación deste espazo, no que se ampliarán as medidas específicas de xestión ambiental "como as que xa se veñen realizando, como é a retirada de plantas invasoras, a adaptación do plan de sega á época de cría de especies ou restauración de hábitats singulares", á vez que se favorece o seu uso público, "para que a veciñanza poida coñecer e protexer o seu patrimonio".

O Goberno local trasladou o requirimento do ENIL á Xunta de Galicia, administración que posúe as competencias de conservación da natureza, "para que esta dea o seu visto e prace ao proceso", sinalou a edil, á vez que recordou que a da Torre é a segunda declaración de protección que solicita o Goberno local, despois da petición para as Illas de San Pedro, "unha proposta que elevamos a Xunta o pasado mes de xaneiro, despois que fose paralizada polo anterior executivo local, e aínda estamos a esperar a súa contestación para a aprobación final". A concelleira presentará este proceso o no próximo Pleno Ordinario, coincidindo coa efeméride do Día do Medio Ambiente, coa finalidade de acadar unidade co resto da Corporación. "Entendemos que a conservación da contorna Torre é importante para o Concello polo que, tras presentar a solicitude á Xunta, esperamos que haxa un consenso por parte de todos os partidos políticos para que, este proceso teña continuidade e, goberne quen goberne, A Coruña protexa o seu valioso patrimonio natural", resaltou a responsable municipal.

María García lembrou que o ámbito da Torre de Hércules conta con 5 hábitats --matogueira, cantís, furnas e covas mariñas, bosque ripario e pastizais-- destacados pola Unión Europea como prioritarios para a conservación, "un caso pouco común en contornas urbanas e que supón un auténtico privilexio". "Contamos con 6 endemismos ibéricos --especies de fauna que só se dan nos acantilados de Galicia, norte de Portugal e costa asturiana--, ademais de 7 especies de anfibios, 11 de mamíferos e máis de 100 tipos de aves", sinalou a edil.  O traslado da solicitude de ENIL ao Pleno forma parte das iniciativas que o Goberno local organizará no marco do Día Mundial do Medio Ambiente, que terá propostas para todos os públicos. Así, ademais da celebración do Foro Humboldt, "que nace co obxectivo de poñer en valor a relación que Alexander von Humboldt, pai da ecoloxía e dos estudos de ciencias naturais, tivo coa Coruña", aseverou a concelleira, organizaranse actividades na contorna máis próxima á Torre de Hércules, pola mañá con grupos de escolares e, pola tarde --de 17.00 a 19.00 horas--, cunha ruta interpretativa, aberta á cidadanía, por Punta Herminia. Ademais, ás cinco da tarde o centro cívico municipal de Feáns acollerá o parladoiro 'Cambio climático: unha solución compartida".

Por outra banda, e con motivo desta nova solicitude, o Concello potenciará o seu programa de visitas guiadas periódicas dos venres pola tarde á Torre de Hércules e ao Monte de San Pedro, nos que a veciñanza pode coñecer, de primeira man, os dous Espazos Naturais de Interese Local que están en proceso de declaración: a contorna de Punta Herminia e as Illas de San Pedro.

Categorías da noticia

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Tes un navegador demasiado antigo!

Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible

Iniciar sesión