12 de decembro de 2017
O concelleiro Xiao Varela participou hoxe nunha xornada técnica do Comité Español de Iluminación, onde avanzou as principais características do proxecto, que xa está redactado e en espera da avaliación por parte de Patrimonio
O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou este martes o proxecto para a renovación do sistema de alumeado ornamental da Torre, unha proposta que busca ampliar as posibilidades de iluminación mediante a implantación de novas tecnoloxías destinadas a dotar ao monumento e mellorar a súa eficiencia enerxética, así como o rendemento das tarefas de conservación e mantemento e adecuar a instalación a regulamento vixente. O responsable municipal avanzou o proxecto, que xa está redactado e pendente de avaliación por parte da dirección xeral de Patrimonio, durante a súa intervención na xornada técnica do Comité Español de Iluminación 'Hacia la excelencia luminotécnica en la sociedad del mañana'. A proposta, que terá un custo estimado de 160.000 euros, prevé a implantación de texnoloxía LED para o alumeado ornamental, que como sinalou Varela ten un baixo consumo e unha vida útil longa, ademais de permitir reducir as emisións de CO2. Ademais, o sistema abre múltiples posibilidades de programación mediante un software de xestión, capaz de xerar escenas dinámicas de iluminación ornamental, combinación de secuencias de cor ou creación de ambientes personalizados.
"A tecnoloxía só ten utilidade se ten unha función social, e dalgunha maneira, este proxecto, ademais da mellora de eficiencia enerxética, estética e de xestión que suporá, vén a recoller a demanda dunha mellora que ten un impacto cidadán, porque contribúe a reafirmar esa identidade da veciñanza e a Torre, e a xerar rede con outras cidades con monumentos Patrimonio da Humanidade, con esas iluminacións simultáneas", quixo destacar Varela. Nese sentido, aludiu ao "crecente número de peticións, por parte de entidades culturais, sanitarias e sociais, para usar a iluminación da Torre nas comemoriacións e celebracións", que se multiplicou por seis no último lustro, ata chegar neste 2017 ás 30 solicitudes. Como fai notar, o reforzo que suporá o novo sistema de alumeado nesta e outras accións "entronca coa aposta deste goberno pola posta en valor da Torre e a súa contorna, tanto polo seu valor histórico e patrimonial como polo seu potencial lúdico, cultural, histórico, deportivo, turístico e de observación e conservación dun espazo natural no entorno urbano". A este respecto, remítese a accións como o traballos que se está a desenvolver desde a Concellería de Medio Ambiente para conseguir a declaración da contorna da Torre como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), pero tamén a outros proxectos que se desenvolven neste ámbito, como as hortas urbanas do parque Carlos Casares, a ampliación de prazas de estacionamento da rolda de Monte Alto ou a reforma que se está a facer no antigo cárcere provincial para abrilo ao uso cívico e cultural, "iniciativas que veñen referendar o labor continuo que se realiza para poñer en valor esta zona". Do mesmo xeito, Varela incide na aposta pola mellora da eficiencia enerxética, "reflectida en proxectos como os incluídos no paquete de investimentos sostibles que o goberno municipal logrou sacar adiante, aínda que con recortes da oposición, o pasado mes de novembro, e que inclúe más de 2.6 millóns de euros en accións de mellora do alumeado e a eficiencia enerxética no ámbito entre os Rosais, Rolda de Outeiro, Manuel Murguía e avenida de Labañou, Parque Europa, Agrela-Bens, Matogrande e o Iglesario da Grela, ademais da mellora dos sistemas de telexestión e de protección de última xeración en centros de mando de iluminación pública.
Tal e com indica o responsable municipal, a proposta contempla doce proxectores con tecnoloxía LED/ RGBW con programación por Ethernet de última xeración, en substitución dos proxectores Bega existentes na actualidade, que son manuais. Instalaranse catro unidades deste modelo de proxector en cada unha das fachadas leste, oeste e sur da Torre, mantendo a situación dos existentes na actualidade con obxecto de non ter que realizar ningún tipo de obra de consideración na plataforma do monumento. O proxecto prevé a iluminación das fachadas leste, oeste e sur da Torre, quedando a norte sen iluminar por razóns de seguridade marítima. Ademais, contempla un sistema de protección contra raios e sobretensións, debido á incidencia das tormentas eléctricas na Torre, así como a instalación dos sistema de comunicación. Como salienta, as actuacións proxectadas realizaranse sobre as instalacións existentes, "de xeito que a súa instalación non afectará á arquitectura do monumento".
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible