5 de agosto de 2018
O acceso por franxas horarias de 15 minutos permitiu eliminar as colas de espera aos pés do monumento, garantindo o acceso ás persoas visitantes á vez que se respecta a capacidade de acollida
O novo punto de venda de entradas da Torre de Hércules, posto en marcha o pasado 2 de xullo, recibiu xa a máis de 18.600 persoas. No seu primeiro mes de implantación, o sistema permitiu axilizar a adquisición de entradas ao monumento e eliminar as colas de espera aos pés do mesmo, favorecendo a súa conservación e facilitando os controis de acceso para respectar a capacidade de acollida, establecida en 32 persoas ao mesmo tempo. "Poder coñecer en tempo real a dispoñibilidade de acceso á Torre, para non superar o aforamento, é un avance significativo e permítenos profesionalizar o servizo que ofrecemos ás persoas visitantes e mellorar a súa experiencia na cidade", segundo remarca a xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Lanzada Calatayud.
O novo programa de xestión interna de reservas permite agora que, cada 60 minutos, as e os visitantes poidan acceder ao monumento en catro franxas horarias de 15 minutos cada unha. O cambio de localización permitiu ademais pór en valor tanto o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) -destinado a recibir e proporcionar información histórica e actual relacionada co monumento e a súa contorna-, así como a oficina de turismo. "Deste xeito, a visita agora pódese planificar mellor ao complementala con información útil sobre a cidade, a través de planos e folletos turísticos", sinala Calatayud. Nos vindeiros meses prevese a implementación de nova sinalización nos arredores do monumento, co propósito de ampliar os puntos informativos sobre dito cambio, cubrindo as entradas dende a Casa dos Peixes, a praia de As Lapas e o Paseo dos Menhires.
O interior do antigo faro romano, recoñecido en 2009 como Patrimonio mundial da UNESCO, pódese visitar durante a época estival e previa reserva de entradas, calquera día da semana dende as 10.00 horas da mañá e até as 20:30 horas. O prezo xeral da visita é de 3 euros, con tarifas reducidas á metade para menores de 14 e maiores de 65 anos, titulares do Carné Xove, pensionistas, persoas en situación de desemprego, familias numerosas e grupos de máis de 20 persoas previamente concertados. Ademais, a visita o monumento é gratuíta para persoas con diversidade funcional e menores de 5 anos, así como para o público xeral todos os luns do ano, sendo necesario, en calquera dos casos, a reserva previa da entrada no novo punto de venda. Estas só se poden adquirir para o mesmo día da visita ou cun día máximo de antelación, sendo posible agora tamén o pago con tarxeta.
26 de xuño de 2025
23 de xuño de 2025
18 de xuño de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible