27 de xuño de 2023
O monumento máis emblemático da Coruña iluminouse e brillou esta noite en cor azul para conmemorar esta importante data
O 27 de xuño de 2009 o Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO declaraba a Torre de Hércules Patrimonio Mundial. O faro romano máis antigo do mundo aínda en funcionamento, monumento emblemático da cidade da Coruña, conseguía así esta merecida distinción. Hoxe cúmprense 14 anos desde a declaración, polo que a torre está de aniversario. A entrada á Torre é gratis durante todo o día.
Esta noite a Torre de Hércules iluminouse en cor azul para celebrar esta data. O seu valor universal excepcional reside en que é o único faro romano do mundo que segue en pé e que aínda segue operando. Ademais, é un caso único de intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade. Son 2.000 anos de historia, que continúan.
No seu momento a distinción concedeuse por varios motivos. Un deles por continuar en funcionamento; en máis dun 60% mantén a súa función orixinal de sinalización marítima. Outro é pola súa restauración. Trátase dun caso paradigmático dunha intervención arquitectónica nun monumento da Antigüidade porque cando en 1790 Eustaquio Giannini proxectou a restauración da Torre de Hércules, aplicou uns criterios científicos, mostrando un respecto total pola integridade do faro e mantendo a súa autenticidade. Por iso, a intervención, lonxe de restarlle valor, supón un atractivo máis, porque mostra a sensibilidade dos homes e mulleres do século XVIII ao intervir no patrimonio construído.
Obra de teatro
Con motivo deste aniversario, o venres día 30 ás 20.00 horas, terá lugar ao pé da Torre de Hércules unha obra de teatro titulada: "O Sorteo de Cásina", de Plauto. É unha obra de Corzo Producións, adaptada e dirixida por J. R. Martín. A entrada é gratuíta e non é necesario reservar.
5 de maio de 2025
24 de abril de 2025
23 de abril de 2025
Sentímolo pero o teu navegador é moi antigo para poder mostrar esta páxina. Debes de actualizalo ou usar un navegador compatible. Optimizamos esta web para Google Chrome, Mozilla Firefox, Opera, Safari e Microsoft Edge. Instalar agora un navegador compatible