Concello da Coruña

Concello da Coruña

Cubos con códigos QR para os hoteis

Os hoteis da Coruña incorporan códigos QR en cada dormitorio con información da cidade

O Consorcio de Turismo distribúe cubos promocionais con toda a información de destino, dende a axenda de lecer ata rutas e historia

Cando:

31 de marzo de 2023

Os hoteis da Coruña incorporan códigos QR en cada cuarto con información turística e cultural da cidade

Os hoteis da cidade contribúen á promoción de destino ofrecéndolles ás persoas visitantes en cada dormitorio información turística e cultural da Coruña. O Consorcio de Turismo e Congresos entregoulle hoxe ao sector hostaleiro cubos promocionais con códigos QR que achegan toda a información necesaria para coñecer a cidade, dende rutas, ata a historia da urbe e unha renovada axenda de lecer, coa programación de concertos, teatro, exposicións, congresos e eventos. Tamén permite o acceso á nova web www.visitcoruna.com.

O presidente do Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña e concelleiro de Turismo, Juan Ignacio Borrego, acompañado polo presidente de Hospeco, Agustín Collazos, e polo xerente do consorcio, Moisés Jorge Naranjo, entregou os cubos promocionais con información de destino, unha acción que se enmarca na estratexia turística da cidade para reforzar o posicionamento da Coruña como destino. No acto, representantes de cada hotel recibiron os códigos QR para colocar nos seus establecementos hostaleiros, en cada cuarto.

"Todas as persoas visitantes dispoñerán da información da cidade a través destes códigos QR que presentamos este ano en Fitur. Quería aproveitar para felicitarvos polo voso traballo; que a nosa cidade se coñeza aquí, no ámbito nacional e internacional é mérito voso", expresou Juan Ignacio Borrego.

Pola súa banda, Collazos asegurou que o máis importante da Coruña é a súa xente, "habituada a recibir visitantes". Collazos engadiu que empeza a Semana Santa e con ela a tempada forte de turismo. "Preséntase un ano prometedor", apuntou.

Hoteis como Riazor, Attica21, Hesperia Coruña Centro, Ibis Styles, Finisterre, Eurostars, Hotel Carrís, Ibis, Mar de Plata, Zenit, Alda Galería, Brial ou AC xa contan con este material promocional.

Que che parece esta sección?

-101-101-101

Síguenos en

Iniciar sesión